18-F

A ex concelleira da Coruña Isabel Faraldo encabeza a lista 'oficial' de Podemos nas primarias

Na súa lista, Transformar Galicia, figura como número dous o coordinador da formación morada no país, Borja San Ramón. A candidatura rival, Rexurdir Galicia, está liderada por Charo Varela, con experiencia de goberno na Pobra do Caramiñal.
Á esquerda, Isabel Faraldo; á dereita, Ximena Cheda (Foto: Europa Press).
photo_camera Á esquerda, Isabel Faraldo; á dereita, Ximena Cheda. (Foto: Europa Press)

A ex concelleira da Coruña Isabel Faraldo, que concorreu ás eleccións de 2019 na lista da Marea Atlántica e posteriormente pasou ao grupo mixto como non adscrita, encabeza a lista 'oficial' nas primarias de Podemos Galicia para as eleccións do 18 de febreiro nunha consulta interna á militancia na que haberá outra candidatura, neste caso parcial —67 dos 75 nomes necesarios—, conformada por persoas vinculadas ao rival do actual coordinador, Borja San Ramón, na elección da dirección tras a saída de Antón Gómez-Reino.

Segundo fontes citadas pola axencia Europa Press, acompañando Faraldo estarán outros nomes como o do propio San Ramón, que permanece nun segundo plano para estes comicios como número dous da lista morada, despois de concorrer no terceiro posto pola Coruña nas estatais do 23 de xullo. Isabel Faraldo, militante desde 2014, ademais de portavoz de Podemos na Coruña e concelleira no municipio máis grande onde a formación morada tivo representación —até 2023— é traballadora administrativa do Sergas. En 2005 protagonizou unha folga de fame para que se equiparasen as condicións das administrativas do Sergas ás do resto de administracións da Xunta.

A candidatura 'oficial', Transformar Galicia, está encabezada en Pontevedra Carmen Berzosa, portavoz e candidata en Cangas nas anteriores municipais; Ximena Cheda, candidata municipal e portavoz en Lugo, e Víctor Ferreiro, con idénticos cargos en Ourense. Destacan tamén na lista a ex concelleira de Ourense en Común Ledicia Piñeiro, que recentemente se incorporou ás filas de Podemos; Fernando del Moral, edil de Unidas Podemos en Laxe, e Julia Torregrosa, ex deputada de En Marea no Parlamento galego, así como a que fora candidata en Pontevedra, María Luisa Lores Mariquiña.

Rexurdir Galicia

Pola súa parte, o colectivo Rexurdir Galicia tamén presentou unha lista, neste caso con 67 persoas de máis de 20 concellos de toda Galiza, segundo informaron desde a candidatura, a pesar do "escaso tempo imposto" e as datas escollidas. Encabézaa neste caso Charo Varela, da Pobra do Caramiñal. Mestra de ensino primario, formou parte do equipo de goberno da Pobra durante os últimos oito anos como responsábel de diferentes áreas, como Igualdade, Participación ou Facenda.

As primarias

A consulta interna tamén preguntará as e os adscritos de Podemos Galicia pola fórmula de concorrencia ás eleccións galegas que, como mínimo, será a dunha coalición con Alianza Verde, escisión de Equo impulsada por Juan López de Uralde, afín a Podemos após concorrer a súa antiga formación da man de Más País a diferentes citas electorais.

As últimas horas no espazo de confluencia 'á esquerda do PSOE' precipitouse e, tras romper as conversas con Sumar por mor da saída do grupo confederal das cinco deputadas de Podemos no Congreso e mostrar certas reticencias á coalición, os contactos entre os socios das estatais experimentaron varios pasos adiante, algo que sucedeu de forma paralela a que Podemos Galicia activase este proceso de primarias internas.

Tamén Esquerda Unida ten pendente a decisión final dentro dos seus órganos de decisión e ten previsto nas próximas horas someter a consultas os últimos contactos, respecto do que fontes consultadas recoñecen "avances na construción dun espazo electoral máis amplo que hai dez días".

Comentarios