luns 03/08/20

Podemos atribúe os malos resultados electorais a “pelexas internas" do pasado

Aposta en activar  “canto antes o aprobado na Asemblea Cidadá para poñer o partido en dirección ao próximo ciclo electoral".

Pablo Iglesias
Pablo Iglesias

O Consello de Coordinación Estatal de Podemos determinou, na súa  primeira análise da "derrota sen paliativos" que sufriron nas eleccións  galegas --onde se pasou dunha representación de En Marea de 14  deputados e deputadas a ningún-- e vascas do pasado domingo, que os malos resultados débense "á febleza organizativa nos territorios debido ás pelexas internas da etapa anterior", segundo informan fontes do partido morado.

En canto ás solucións, a Executiva considera que os cambios no  modelo organizativo que xa se aprobaron na Terceira Asemblea Cidadá Estatal de maio --na que Iglesias foi reelixido con ampla maioría son a clave para afrontar este problema. Así mesmo, defenden que aínda "están a tempo" de recuperarse.

O vicepresidente segundo do Goberno e líder de Podemos, Pablo Iglesias, decidiu pospoñer até esta sexta feira a habitual reunión das segundas feiras da súa Executiva, co obxectivo de non realizar análise en quente da caída electoral, e esperar a ter unha primeira valoración dos territorios afectados.

Finalmente, os máximos dirixentes de Podemos reuníronse esta sexta, cinco días despois dos comicios, e  canda os candidatos do partido na Galiza e País Vasco, Antón Gómez-Reino e Miren  Gorrotxategi, determinaron que as leas internas que se produciron neses territorios nos  últimos anos son a causa da súa desfeita electoral, xa que lles impediron construír unha organización forte.

Ante esta problemática, as fontes consultadas sinalan "a necesidade de poñer en marcha canto antes o aprobado na Asemblea Cidadá para poñer o partido en dirección ao próximo ciclo electoral". Estamos a tempo de recuperarnos sobre os resultados actuais", engaden.

comentarios