Pilar Farjas demite como secretaria xeral de Sanidade

A súa renuncia coincide co nomeamento de Alfonso Alonso como ministro.

Após a demisión de Ana Mato como ministra de Sanidade, a que foi a súa secretaria xeral e ex-conselleira de Alberto Núñez Feijóo, Pilar Farjas, tamén comunicou a súa renuncia. Farjas dixo, através dunha carta remitida aos medios a modo de comunicado que a saída de Mato a deixou "liberada" das súas responsabilidades e "compromiso" polo que volverá a Galiza. 

A súa decisión coincide no tempo co nomeamento de Alfonso Alonso, até o de agora voceiro parlamentar do Partido Popular no Congreso, como novo responsábel da carteira de Sanidade. Unha elección de claro perfil político e próximo á vice-presidenta do goberno español, Soraya Sáenz de Santamaría, e non vinculado co sector. 

O nome de Pilar Farjas soou durante os días posteriores á demisión de Ana Mato como unha das posibilidades para a substituír mais finalmente o mandatario español optou por Alonso. 

Comentarios