Pontón pide "unidade" contra a eólica mariña e para paralizar os POEM

A líder nacionalista, xunto co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a responsábel de Pesca no grupo parlamentario, Rosana Pérez e outros responsábeis reuníronse con membros da plataforma que defende os intereses pesqueiros, entre os que tamén estaba Xabier Aboi (CIG-Mar).
Néstor Rego, Ana Pontón, Torcuto Teixeira e Rosana Pérez esta segunda feira (Foto: Europa Press).
photo_camera Néstor Rego, Ana Pontón, Torcuto Teixeira e Rosana Pérez esta segunda feira (Foto: Europa Press).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou esta segunda feira a unidade de todas as forzas políticas para rexeitar o Plan de ordenación de espazo marítimo (POEM) presentado polo Goberno español e que o sector da pesca rexeita por falta de consenso á hora de estabelecer unha negociación.

Así, a fromación nacionalista piden volver ao consenso de 2009, mentres que o presidente da Plataforma en Defensa da Pesca, Torcuato Teixeira, rexeitou estabelecer unha negociación sen que se retire o plan porque sería a partir de "feitos consumados".

A líder nacionalista, xunto co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a responsábel de Pesca no grupo parlamentario, Rosana Pérez e outros responsábeis reuníronse con membros da plataforma que defende os intereses pesqueiros, entre os que tamén estaba Xabier Aboi (CIG-Mar).

Tras o encontro, en comparecencia de prensa, Pontón, que xa participou na concentración do pasado sábado na Coruña convocada pola plataforma, rexeitou os plans do Goberno estatal e pediu volver a ese consenso de 2009.

Concretamente, en maio de 2009 (recentemente gañada a Xunta por parte do PP), o Parlamento da Galiza aprobou unha proposición non de lei (tras negociar entre os grupos) impulsada polo entón deputado do BNG, Bieito Lobeira na cal se mostraba "a posición contraria á instalación de parques eólicos mariños no litoral da Galiza, fundamentado no impacto que terían sobre o sector pesqueiro e marisqueiro galego e tendo en conta as previsións de elaboración dun plan de ordenación e usos do litoral galego".

O acordo de entón tamén instaba a Xunta a emprender todas as accións precisas para deixar sen efecto o estudo estratéxico ambiental para a instalación de parques eólicos mariños no relativo ao litoral galego", así como tamén pedía información sobre os plans de parques.

Mentres que en 2016 o Tribunal Supremo autorizou nunha resolución xudicial a instalación dos muíños nas augas costeiras, quedando liberado sobre 75% do litoral, segundo se informou no seu día.

Neste escenario, a portavoz nacional do BNG manifestou que "xa abonda de pórlle a etiqueta verde ao espolio". "Non é compatíbel encher toda a costa galega con manter un sector económico como a pesca", sinalou na rolda de prensa tras o "primeiro contacto" con formacións políticas que tivo a plataforma, segundo dixo o seu presidente, que agradeceu a posta ao dispor do BNG coa plataforma.

"Incompatíbel"

A líder nacionalista incidiu en que "é incompatíbel" e está en xogo "protexer o sector pesqueiro", con máis de 30.000 empregos, ou se "se poñen por diante os intereses do lobby eléctrico". Así, volveu pór o acento en que se quere converter Galiza en "colonia enerxética" e "facer caixa" pondo en perigo o sector, que en lugares como en Viana do Castelo supuxo "a desaparición da pesca nesas áreas".

A dirixente nacionalista insistiu en que se quere instalar 43% de todos os parques eólicos mariños na costa galega, o que supón a "perda de miles de postos de traballo directos e indirectos e que pon en risco a viabilidade" até 74.000 traballos relacionados cunha das "principais industrias da Galiza".

Ademais, na súa intervención, Pontón lembrou que o país xa ten "unha capacidade produtiva moi forte" de enerxía eólica, que alcanza os 4.000 aeroxeradores nos montes.

"Hai que dicir xa abonda de soportar todos os custos ambientais e económicos, sen percibir nada a cambio e sacrificar sectores económicos que son chave".

O BNG levará, de novo, iniciativas ao Parlamento galego, así como ao Congreso dos Deputados e a todas as institucións para reclamar que "se retire" o POEM e declarar a costa galega libre de instalación de parques eólicos. "E non fagan trampas no debate, estamos a favor de que haxa renovábeis, pero non como modelo de priorizar os intereses das eléctricas", sentenciou.

Comezar de cero

Nesta liña pronunciouse o presidente da Plataforma en defensa da pesca, quen dixo que "están a favor do renovábeis" pero non á conta de "pretender sacrificar" o sector pesqueiro, que se está pondo "en bandexa de prata" ás industrias enerxéticas.

Torcuato Teixeira manifestou que, desde xuño de 2022, non teñen "ningunha vía de diálogo ou consulta" co Goberno español, a pesar de que se solicitou "reiteradamente" abordar esta cuestión. Agora hai "feitos consumados", polo que o sector pide que se retire para estabelecer un diálogo, que agora é "ningún".

"Cando o retiren, poderemos dialogar para ver se poden coexistir ou non coa existencia do sector", aseverou Teixeira, quen reclamou un debate sosegado e "non estas présas que son as que queren as industrias". "Temos que ir ao ritmo que demanda a sociedade e non as industrias (eléctricas)", manifestou.

Comentarios