A situación das mulleres centrará o pleno da Cámara

A sesión voltará a abordar a sanidade pública.
BNG lei tramitacion crtvg parlamento galego-min

A situación das mulleres na Galiza centrará a vindeira sesión plenaria no Parlamento da Galiza, que decorrerá  os días 6 e 7 de marzo, ás portas do 8-M, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. Pedro Pui, portavoz parlamentario do PP, explicou onte após a Xunta de Portavoces da Cámara que “temos rexistrado" unha proposición non de lei pedindo ao Goberno estatal que "revise pola vía de urxencia" a lei do 'só si é si'. Unha lei, apuntou, que "está xerando unha ampla e xustificada controversia social pese a todas as advertencias que se fixeron no seu momento".

Pola súa parte, Luis Bará (BNG) informou que Ana Pontón preguntará ao presidente da Xunta na sesión de control pola situación sociolaboral das mulleres e as medidas previstas polo Goberno galego contra a discriminación nesta materia.  O deputado nacionalista remarcou que os datos constatan que na Galiza as mulleres perciben salarios máis baixos e que lles afecta máis a temporalidade e parcialidade. Tamén anunciou que o BNG defenderá unha proposición non de lei para que se cumpra o Plan de igualdade, dez anos despois da tramitación da lei de Igualdade.

Luís Álvarez (PSdeG) manifestou que na vindeira sesión plenaria o seu grupo centrará a maioría das súas iniciativas nas políticas de igualdade, comezando pola sesión de control ao presidente da Xunta da Galiza, na que lle preguntarán "pola falta de iniciativas do Executivo na defensa e impulso dos dereitos das mulleres".

Sanidade

O BNG tamén anunciou que levará ao Parlamento nesa sesión o  deterioro da Atención Primaria,  a exixencia de que se fagan publicas as listas de agarda, o "risco de eólicos na costa galega" e "a baixa produtividade marisqueira das rías". Bará, ademais, quixo amosar o apoio do BNG "á folga do 6 de marzo na CRTVG", apoio que tamén trasladaron desde o PSdeG.

O grupo socialista presentará unha moción para reclamar ao Goberno galego unha política eficaz dos distintos departamentos do Executivo en materia de impulso demográfico. Álvarez reclamou unha "acción coordinada que garanta o reforzo da Atención Primaria e en educación, políticas de vivenda específicas para zonas despoboadas, ou unha rede de transporte público eficaz en todas as comarcas da Galiza". 

Comentarios