A Xunta asegura que "xamais" autorizaría as verteduras de San Finx "se non cumprisen coa lexislación"

A Confraría de Noia quece motores de cara á manifestación convocada este sábado para exixir á Xunta que recúe e non permita as verteduras procedentes da mina de Lousame.
Os cursos fluviais próximos ás Minas de San Finx xa foron contaminados polas instalacións. (Foto: Adega)
photo_camera Os cursos fluviais próximos ás minas de San Finx xa foron contaminados polas instalacións. (Foto: Adega)

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, referiuse esta sexta feira á vertedura de augas residuais depuradas da mina de San Finx (Lousame) e destacou que "xamais faría un estudo favorábel se non cumprise estritamente coa lexislación vixente". En preguntas aos medios tras unha rolda de prensa, Vázquez asegurou que "do que se trata é de que as augas cheguen en bo estado, e para isto hai que facer a depuración e os tratados pertinentes".

Como titular de Medio Ambiente, dixo, vela "polo interese de carácter medio ambiental e sustentabilidade", que xa "é fundamental para a saúde e a economía da ría e o resto de ámbitos". Deste modo, a conselleira respondeu ás organizacións que demandan que a Xunta recúe na autorización da vertedura á rede fluvial da ría de "centos de miles de metros cúbicos de achiques de mina, cargados con metais pesados, procedentes da antiga mina", segundo denunciou Greenpeace.

As confrarías de pescadores de Noia e de Portosín convocaron unha manifestación este sábado 4 de marzo, ás 11 horas, na Alameda de Noia. Apoian o chamamento diferentes colectivos ecoloxistas, sociais e na defensa da actividade pesqueira.

Precisamente a confraría de Noia instou o pasado 24 de febreiro o Goberno galego a actuar con "cordura" e proceder a paralizar as verteduras permitidas, diante do risco que, din, ten para a ría polos seus niveis de concentración de metais pesados. Os pescadores informaron da entrega dun novo informe técnico sobre o proxecto de vertedura procedente da mina no que o doutor en Xeofísica pola universidade estadounidense de Cornell Steven H. Emerman advirte do "absoluto fracaso da proba piloto" para o tratamento das augas procedentes da explotación.

A confraría insiste en que o documento revela que estes ensaios "non lograron controlar os niveis de zinc", presentan "concentracións de cadmio e cobre disparados, moi por riba dos valores máximos permitidos para estes metais pesados tóxicos", e alerta sobre as "deficiencias" no estudo dos niveis contaminantes.

O próximo 22 de marzo representantes da ONU, por medio do Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, que se reunirá en Xenebra (Suíza), analizarán os posíbeis incumprimentos no que atinxe a esta autorización denunciados pola Confraría de Noia. Tanto esta organización como a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa consideran que o feito de que o proxecto mineiro non se sometera á avaliación de impacto ambiental supuxo "unha violación da Convención de Aarhus, asinada polo Estado español en 1998 e que consagra os dereitos de participación pública e acceso á información e á xustiza en materia de medio ambiente".

Comentarios