POLÍTICA

PG e BNG apostan por avanzar cara unha candidatura de unidade

PG e BNG apostan por avanzar cara unha candidatura de unidade

O Bloque Nacionalista Galego e o Partido Galeguista coinciden á hora de dar pasos para conformar unha candidatura galega unitaria, segundo fixeron público despois dunha xuntanza de representantes de ambas organizacións. 

pgbng
photo_camera pgbng

Na rolda de encontros con diversas organizacións política, unha delegación do BNG encabezada por Xavier Vence xuntouse coa do Partido Galeguista con Manuel Suárez á fronte para poñer sobre a mesa as súas posicións de cara unha posíbel candidatura unitaria galega para as vindeiras eleccións xerais. 

Segundo fixeron público, as dúas organizacións “coinciden na necesidade de avanzar no proceso de conformación dunha candidatura de unidade que asegure a representación de Galiza no Congreso dos Deputados cun grupo propio” para o que mostraron o seu “compromiso firme e decidido”. Consideran aínda máis necesaria a aposta por unha candidatura galega perante unha lexislatura na que é posíbel que se encete o debate sobre a estrutura do Estado para o que estiman necesario que Galiza conte con representación “que fale con voz propia e defenda os intereses do noso País”. 

Para as dúas organizacións, a construción dunha candidatura unitaria ten que partir dun proceso social de carácter participativo e contar coa apoio dun abano amplo de forzas políticas e sociais mais tamén coas persoas “que compartan a convicción de que é imprescindíbel a unidade detrás de obxectivos políticos básicos, desde a diversidade de ideoloxías e sensibilidades, máis partillando a necesidade de que unha transformación democrática no Estado garanta o recoñecemento dos dereitos nacionais de Galiza”.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios