Pode ser que, por vez primeira, ningún representante político encabece a manifestación do 25 de xullo. Segundo avanzan as conversas máis se perfila a fórmula coa que, de chegaren a acordos, as organizacións que se sumen ao Día da Patria unitario concorrerán á mobilización. Todo parece indicar que será unha cabeceira formada por persoas de distintos ámbitos mais sen adscrición partidaria as que compoñan a primeira fileira da marcha á que seguirán as distintas organizacións políticas e sociais.
O voceiro do BNG, Xavier Vence, sinala que as negociacións “avanzan por bon camiño” e agoira a celebración dun Día da Patria unitario na que participarían todas as organizacións do ámbito do nacionalismo organizado e non organizado. Responde tamén, segundo dixo, a unha vontade dentro da cidadanía vinculada ao nacionalismo que “está a facer chamamentos a ese acto unitario”.
Demanda da cidadanía
“Será a oportunidade para que compartamos todos e todas esa reivindicación, máis necesaria que nunca, dos dereitos nacionais de Galiza, e camiñar xuntos na defensa do que son os nosos sinais de identidade e das aspiracións que temos como país”, sinalou Xavier Vence quen, de todas maneiras, optou por non dar moitos detalles de como será a xornada porque aínda quedan cousas por concretar. En todo caso, contará cunha “participación directa de todas as persoas, colectivos e cidadanía que está a demandar un 25 de xullo unitario”.
Vence salienta que as negociacións para un Día da Patria unitario "avanzan por bon camiño"
Tamén a mensaxe final que previsibelmente se pronunciará na Quintana -como nas mobilizacións que até o pasado ano convocou o BNG e que concluían coa intervención do portavoz-, optarase, segundo dixo, por “unha mensaxe compartida”, á marxe de que as distintas organizacións asistan de maneira singularizada na marcha conxunta.
“Confiamos en que este Día da Patria sexa compartido por [email protected] @s nacionalistas e por todas as organizacións nacionalista. Desde o BNG estamos traballando nesa dirección e poñendo o noso grao de area para que sexa o 25X de todos e de todas”, apuntou Vence.