O rei nomea candidato á investidura Pedro Sánchez, que evita falar da amnistía

Pedro Sánchez evitou facer unha alusión directa á amnistía para que, Junts, a formación de Carles Puigdemont, apoie a súa investidura, aínda que si defendeu a necesidade de "xenerosidade" e facer política en Catalunya, á vez que recalcou o seu rexeitamento a un referendo de autodeterminación.
Pedro Sánchez (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez esta terza feira (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

O rei Felipe VI decidiu propor o líder do PSOE, Pedro Sánchez, para que se someta a un novo debate de investidura no Congreso tras a derrota da candidatura do 'popular Alberto Núñez Feixoo.

Así llo comunicou o xefe do Estado á presidenta do Congreso, a socialista Francina Armengol, tras a segunda rolda de consultas que mantivo entre o nas pasadas xornadas no palacio de Zarzuela con sete das once formacións con representación no Congreso.

"De acordo co estabelecido no artigo 99.1 da Constitución, tras celebrar consultas cos representantes designados polos grupos políticos con representación parlamentaria, veño propor o excelentísimo señor Don Pedro Sánchez Pérez-Castejón como candidato á Presidencia do Goberno, o que comunico para que se formule ao Congreso dos Deputados a oportuna proposta", é a mensaxe que Felipe VI trasladou á presidenta do Congreso.

Armengol deberá pór agora data a esta segunda sesión de investidura da lexislatura, pero farao tras conversar co candidato socialista para saber que tempo necesita para os seus encontros con representantes doutras formacións políticas en busca dun acordo.

Para ese primeiro debate de investidura que protagonizou o líder do PP os pasados 26 e 27 de setembro, a presidenta deu ao aspirante case un mes para tratar de buscar apoios ao seu candidato.

Esta vez hai unha data tope marcada no calendario: se o 27 de novembro ninguén conseguiu superar a votación de investidura, as Cortes Xerais disolveranse e haberá novas eleccións estatais o 14 de xaneiro.

Non fala de amnistía

Pedro Sánchez evitou facer unha alusión directa á amnistía para que, Junts, a formación de Carles Puigdemont, apoie a súa investidura, aínda que si defendeu a necesidade de "xenerosidade" e facer política en Catalunya, á vez que recalcou o seu rexeitamento a un referendo de autodeterminación.

"Facer política implica xenerosidade, implica compromiso e implica loxicamente liderado", sostivo Sánchez en rolda de prensa tras recibir o encargo do monarca.

Respecto á exixencia de ERC e Junts de que tamén se inclúa un referendo de autodeterminación no marco do pacto para apoiar a investidura do líder socialista, Sánchez manifestou o seu rexeitamento "non só por compromiso e exixencia constitucional senón por unha convicción política".

Comentarios