Debate de investidura

VÍDEO | O Congreso volve dicir 'non' a Feixoo, que obtén só 172 apoios e fica fóra da carreira presidencial

O candidato do PP despídese definitivamente das súas aspiracións presidenciais e deixa vía libre a un previsíbel encargo a Pedro Sánchez para que se someta á confianza do Congreso.
Alberto Núñez Feixoo, co rostro serio, hoxe, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, co rostro serio, hoxe, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Após perder a primeira votación a pasada cuarta feira, cumprindo os prognósticos, con 178 votos en contra e 172 a favor —PP, Vox, UPN e Coalición Canaria—, Alberto Núñez Feixoo someteuse esta mañá ao segundo e último intento de ser investido presidente do Goberno español co transfuguismo, de novo, como única opción de triunfar. Como era de esperar á vista do manifestado polos diferentes grupos ao longo destas xornadas de debate na Cámara baixa, non logrou os apoios necesarios... Mais si un inesperado, o do deputado de Junts Eduard Pujol i Bonell, que pronunciou un 'si' por erro que corrixiu ao momento e que provocou unha longa deliberación das e dos integrantes da Mesa do Congreso sobre a súa validez. Finalmente, non se admitiu e foi considerado nulo, polo que o resultado foi de 177 en contra e 172 a favor.

O candidato popular iniciou o seu discurso admitindo que non ten os apoios suficientes para gañar e cargando contra o PSOE por "mentir", dixo, á cidadanía durante a campaña electoral. "Señor Sánchez, teña a valentía de tomar a palabra e dicir aos cidadáns o que pensa realmente das exixencias dos partidos independentistas", apuntou. E se "como parece" a súa candidatura non é aprobada, Feixoo entende que quedan "dúas saídas" que "non serán honrosas": "O Goberno da mentira ou unha repetición electoral".

Tamén se referiu a un transfuguismo que lle permitiría recalar na Moncloa e apelou a eles para pedirlles o voto, dando a volta ao concepto de 'tránsfuga': "Eu non quero ser presidente a costa da dignidade do meu país. Señorías do Partido Socialista, pídolles que non sexan tránsfugas... Que non sexan tránsfugas dos seus votantes, nin dos seus principios, nin da Transición española. Non o sexan, non paga a pena selo".

Francisco Conde, Alberto Núñez Feixoo e Cuca Gamarra, hoxe, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Francisco Conde, Alberto Núñez Feixoo e Cuca Gamarra, hoxe, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Por parte do PSOE, o elixido para replicar Feixoo foi novamente o ex alcalde de Valladolid, Óscar Puente, que cuestionou o liderado do ex presidente da Xunta da Galiza dentro da formación conservadora: "Entrou vostede nesta Cámara sendo candidato a líder da oposición e, segundo as crónicas, vai saír convertido niso. Xa é vostede líder e azoute de Sánchez, a fonte do 'todo mal'. E nós que criamos que xa o era! O final do verán azul chegou e vostede partirá. Ninguén sabe até cando o seu liderado seguirá, o que é seguro é que o PSOE seguirá".

Na súa quenda, o líder ultradereitista Santiago Abascal (Vox) acusou Pedro Sánchez de ser "o presidente máis corrupto e infame da historia", e criticou o que considera "un político amnistiando outro político a cambio dos seus votos para manterse no poder e que "refire os criminais antes que a Vox". "Vostede, señor Feixoo, non é como el. Por iso o apoiamos", dixo.

A portavoz de Sumar, Marta Lois, incidiu na falta de votos de Feixoo porque son "incompatíbeis", en alusión a Vox, pois forzas como o PNV manifestaron o seu rexeitamento ao PP após saber que contaría co 'si' da ultradereita: "Baseou toda a súa investidura nunha gran mentira: que vostede non vai ser presidente polos seus principios. Vostede non é presidente porque vostede non ten os votos, e sábeo. Sabe que os votos que necesita son incompatíbeis entre si. Porque se empeña en tomarnos o pelo?".

Nas súas intervencións, as representantes das forzas independentistas catalás, Teresa Jordà (ERC) e Miriam Nogueras (Junts), defenderon o seu voto "ao servizo das e dos cataláns" e puxeron o foco xa na, presumibelmente, candidatura de Pedro Sánchez após o máis que probábel fracaso de hoxe do PP: "Unha vez alcanzada a amnistía é o momento de abrir unha fase de negociación e fixar definitivamente as condicións para que Catalunya poida votar", dixo Jordà, ao que Nogueras engadiu: "Vostedes menten cando falan do catalán no patio das escolas ou dos apelidos, e isto é calquera cousa menos igualdade e liberdade".

Especialmente duro coa alianza do Partido Popular coa extrema dereita foi Oskar Matute, de EH Bildu: "Dá igual PP e Vox, ou Vox e PP. En definitiva, a orde dos factores non altera o fascismo". "Nun sistema democrático", engadiu, "pódense debater moitas cousas, pero os dereitos fundamentais non son materia de debate; a misoxinia, non é materia de debate; a xenofobia, non é materia de debate".

E tamén cargou con forza contra o líder popular Aitor Esteban (PNV), logo de que Feixoo lanzase múltiples ataques aos jeltzale na anterior sesión: "A súa soidade é hoxe maior que a de onte. Seguimos con moita atención estes meses as súas manifestacións dentro e fóra da tribuna, e as súas intervencións parlamentarias desta semana. Non sabemos quen é Feixoo, pero si sabemos que non é quen di ser".

Néstor Rego, o deputado e portavoz do BNG, cuestionou tamén o papel de Feixoo nesta investidura: "Descualificou a todos, menos a Vox, claro, e perdeu a votación. Máis resumido aínda: chegou, falou e fracasou. Fracasou para todo o mundo, menos para a prensa amiga". Tamén advertiu que "quen queira o voto do Bloque deberá comprometerse coa Galiza".

Logo interviñeron as representantes de Coalición Canaria, Cristina Valido, e Unión del Pueblo Navarro, Alberto Catalán, os únicos alén dos 137 do PP e os 33 de Vox que apoian a investidura de Alberto Núñez Feixoo. Valido pediu "respecto" para Canarias e lamentou que a súa formación "recibe insultos a diario", ao tempo que demandou "investimentos e compromiso" para coas illas. Pola súa parte, Catalán insistiu en vincular os "socios" do PSOE con ETA, nomeadamente EH Bildu: "Non estarán lexitimados a facer política cando levan nas súas listas asasinos. Non se pode branquear Bildu, os herdeiros políticos de ETA".

E rematou a rolda de intervencións a portavoz do Partido Popular, Cuca Gamarra, que enxalzou o seu candidato fronte a Sánchez: "Neste debate viuse un líder valente, que fala con claridade e honestidade, fronte a un líder que se agochou desde a covardía. Non lle pode gañar". "Si á dignidade, si á liberdade, si á igualdade, si a Alberto Núñez Feixoo. Si a España", concluíu Gamarra.

Comentarios