Zapatero e os secretarios provinciais do PSOE fechan filas arredor de Sánchez fronte aos ataques da 'vella garda' socialista

As e os dirixentes territoriais do PSOE promoven un manifesto de apoio a Pedro Sánchez e á conformación dun novo Goberno de coalición con Sumar.
Encontro das e dos secretarios provinciais do PSOE para trasladar publicamente o seu apoio á investidura de Pedro Sánchez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encontro das e dos secretarios provinciais do PSOE para trasladar publicamente o seu apoio á investidura de Pedro Sánchez. (Foto: Nós Diario)

Os secretarios xerais provinciais e insulares do PSOE, primeiros secretarios das Federacións do PSC e representantes das Federacións Uniprovinciais do PSOE asinaron este domingo na Escola Julián Besteiro de Madrid un manifesto en apoio á investidura de Pedro Sánchez para que, co apoio de todos os territorios, poida formar un goberno progresista "que dea continuidade ao últimos cinco anos de avances en España". Tras a reunión, e por esta orde, o secretario xeral do PSOE de Badaxoz, Rafael Lemus; o secretario xeral do PSOE de León, Javier Cendón, e a secretaria xeral do PSOE de Huelva, Maru Limón, foron os encargados de presentar o citado manifesto no que as e os dirixentes apoian e animan Pedro Sánchez a "traballar para lograr de novo a súa investidura como presidente do Goberno".

"A confianza nel é a confianza que depositamos na formación dun Executivo progresista que abra unha nova etapa de avances sociais, en favor dunha democracia asentada na igualdade de xénero, na convivencia que descansa no recoñecemento da diversidade de España, da súa memoria democrática e do espírito de convivencia", relata o texto. Desde o PSOE afrontan esta nova etapa "con plena ilusión e determinación". "Pedímoslle a Pedro Sánchez, o noso secretario xeral, que a encabece para conformar un Goberno de progreso e convivencia. O Goberno dunha España moderna, social, feminista, europeísta, de referencia en dereitos e liberdades", engaden.

"Unha España en paz", segue o documento, que detalla que, "fronte a unha estratexia política de terra queimada, que o fía todo ás descualificacións e ao ataque persoal ao noso secretario xeral, imos facer valer todo o respecto que o PSOE merece, porque os logros do Goberno de coalición progresista foron evidentes e transcendentais para o avance do noso país", entre os que enumeran "as políticas de creación de emprego, a reforma do mercado laboral, o compromiso coa igualdade de xénero, a ampliación de dereitos e liberdades da cidadanía e a sensibilidade democrática coa aprobación da Lei de Memoria Democrática".

O manifesto salienta que o pasado 23 de xullo "a expresión das urnas foi clara cun 'non' a [Alberto Núñez] Feixoo, constatado no Parlamento", e o compromiso do PSOE é "formar un Goberno de progreso con Sumar para revalidar os acordos que tan bos resultados deron na pasada lexislatura e que foron referendados" nos comicios.

"PP e VOX pediron o voto para derrogar a obra dun Goberno progresista cunha estratexia baseada exclusivamente no insulto e a mentira. Unha aposta que fracasou o 23 de xullo. Se PP e VOX tivesen os votos suficientes, hoxe España tería un goberno da dereita e a ultradereita. Exactamente igual que ocorreu en todas as comunidades e concellos onde sumaron, aínda que o Partido Socialista fose a forza máis votada en moitos deles".

O texto sostén que "ao PP de hoxe non lle gusta o PSOE de hoxe, como ao PP de antes tampouco lle gustaba o PSOE de antes". Tamén exixe o "abandono do insulto e a mentira como forma de facer política". "Do mesmo modo que exiximos que o PP volva ao consenso constitucional pondo fin ao bloqueo ao que someteu o órgano de goberno dos xuíces durante o último lustro", prosegue. Se ben o PSOE non pide o "apoio do PP para gobernar" porque os seus proxectos políticos son "moi diferentes", si exixen aos de Feixoo que abandonen a radicalidade do seu abrazo coa ultradereita e volvan ao respecto aos consensos básicos".

O ex presidente do Goberno español José Luis Rodríguez Zapatero asinou este manifesto coa presenza de todos os secretarios provinciais do partido. Unha posición que contrasta coa que mantén o outro ex mandatario socialista, Felipe González, que se opón frontalmente aos acordos de Sánchez coas formacións independentistas. Tamén o que fora o seu vicepresidente entre 1982 e 1991, Alfonso Guerra, ten cargado duramente nos últimos días contra a estratexia negociadora do PSOE.

Comentarios