luns 08/03/21

A patronal de Ribeira pide que non se retire agora a simboloxía franquista pola “difícil situación anímica e económica” dos empresarios

O BNG presentou unha moción instando a erradicar os restos do franquismo que se conservan na localidade barbanzá.

Acto contra o franquismo xunto á Casa Cornide da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Imaxe de arquivo (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O BNG de Ribeira levará ao pleno municipal esta segunda feira unha iniciativa para instar a corporación a eliminar os símbolos do franquismo que aínda son visíbeis nesta localidade do Barbanza. O grupo entende que é tempo de erradicar esa simboloxía que lembra a ditadura pois xa van varios anos de parálise nos avances cara as demandas da memoria histórica.

Porén, desde a patronal ribeirense consideran que non son estes tempos para finiquitar a simboloxía franquista. Así o expresa nun documento ao que tivo acceso Nós Diario e no que a asociación empresarial argumenta, “desde o noso punto de vista e veciños da rúa” que agora non toca.

“Non é este o momento acaído de realizar tal cambio, pois somos conscientes dos trastornos e gastos que suporá e pedimos aos promotores da mesma que a deixen para máis adiante, unha vez superada a difícil situación anínimca e económica que os nosos empresarios, comerciantes e cidadáns en xeral estamos a sufrir”. A Asociación de Empresarios, que indica que non entra a valorar a petición, piden aprazar a mesma.

O BNG de Ribeira lemanta que na localidade haxa mesmo lavadoiros "con símbolos totalitarios, distincións a militares golpistas como José María Rivera de Aguilar e Fernando Suárez Tangil", sendo estes últimos considerados fillos adoptivos do municipio.  Alías, insisten na retirada do rueiro das referencias a "falanxistas como Diego Delicado ou Rodríguez Bautista".

Dada esta situación mesmo achegaron documentación informativa ao resto de grupos para poder debater con coñecemento da historia. Por exemplo, no caso da avenida dedicada a Miguel Rodríguez Bautista propoñen rebautizala como avenida das Heroínas de Sálvora ou dedicala a Xosé Neira Vilas, mais están abertos a outras posibilidades de consenso. O que si remarcan é que, de saír adiante a idea, os cambios teñen que decorrer antes do 30 de xuño deste ano.

comentarios