Patrimonio non paralizará as obras de encanamento do río Sarria

A directora xeral asegurou que o proxecto respecta a legalidade e conta coa autorización da consellaría de Cultura malia a oposición veciñal e as denuncias presentadas. 

sarria_dentro
photo_camera [Plataforma Sarriana polo Río]

A Xunta non paralizará as obras de encanamento dos ríos Sarria e Celeiro. Así o asegurou a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, esta quinta feira en comisión parlamentar após a pregunta formulada pola deputada do BNG, Ana Pontón. 

Segundo a representante do goberno o proxecto desenvolvido pola Confederación Hidrográfica Miño Sil –que conta con orzamento procedente da propia Xunta—cumpre coa legalidade vixente e conta cos informes favorábeis da propia administración. 

Malia o derrubo parcial das pontes e a tala de ameneiros, as obras continuarán

Neste senso, Patrimonio non impedirá a destrución dunha parte importante dos bens culturais que se atopan na ribeira do río así como tampouco freará a tala das árbores que, no entanto, si foi paralizada polo xulgado de Sarria. 

A deputada do Bloque demandou á directora xeral explicacións a respeito dos informes desenvolvidos pola súa área en relación co proxecto de encanamento ao que Martínez Insua respondeu dando conta da emisión dunha autorización para o inicio das obras en abril de 2013. Segundo Patrimonio a Xunta non estimou que “houbese inconveniente en relación aos bens culturais”. Porén, desde a Plataforma Sarriana polo Río e o propio BNG, denuncian que as obras atinxirán “pontes centenarias”, “muíños como o do Toleiro” e as “árbores de ribeira” –nomeadamente ameneiros de especial protección a nivel europeo. 

Non haberá sancións

Arredor destes bens patrimoniais e paisaxísticos é que xira a denuncia presentada perante a propia Xunta por parte do movemento veciñal en defensa do río. Mais da que até o momento non obtiveron resposta por parte do goberno galego embora presentarse “hai 2 meses”,  sinalou Pontón.

Así as cousas, a directora xeral avanzou que non se sancionará á responsabel do proxecto, a Conferencia hidrográfica Miño-Sil, por entenderen que as razóns expostas polo movemento veciñal através da Plataforma, mais tamén por parte de numerosas organizacións e colectivos sociais da vila, non se corresponden coa realidade. 

Aliás, a deputada do BNG lembrou que a súa formación solicitou hai meses todos os informes e documentos que fosen elaborados pola administración pública en relación co proxecto de encanamento do Sarria e Celeiro mais que “após esgotarse o prazo, non foron remitidos”. Martínez Insua saíu ao paso das denuncias da nacionalista asegurando que tales requirimentos foran trasladados “polo que entendo están a ser tramitados”, indicou. 

Comentarios