Que pasa na Marea?

De que é síntoma á filtración á imprensa -claramente fogo amigo- da petición de meios humanos e materiais formulada polo portavoz do grupo parlamentar de En Marea, Luís Villares? Ten apoios Carmen Santos para continuar a liderar Podemos na Galiza? A seguir, as respostas a estas perguntas.

Grupo parlamentar En Marea. 29 de setembro de 2016
photo_camera Foto de familia do grupo parlamentar de En Marea

A filtración aos medios de comunicación da solicitude de Luís Villares á Coordinadora de En Marea, na que demandaba un chófer, un secretario persoal e un réxime de retribucións particular e as súas posteriores declaracións, nas que se ofrecía a liderar, como persoa de consenso entre as partes, a organización política resultante, non son máis que a expresión do profundo conflito no que se atopa inmersa a converxencia. Súmase a este debate, un novo factor de diverxencia, como é o cuestionamento aberto da figura de Villares como persoa axeitada para dirixir En Marea no novo tempo político que se abre após as pasadas eleccións autonómicas. A situación vese agravada polas liortas internas das forzas políticas que conforman o partido instrumental, destacando a loita dentro de Podemos, enfrontado a un tempo, á súa xa tradicional pelexa doméstica entre as familias galegas e as leas derivadas do debate asembleario en marcha.

A  guerra non dá tregua á franquía galega de Podemos. A maioría que situou Carme Santos na secretaría xeral da formación morada fendeu pola metade, até o punto de que ás tres familias tradicionais da organización, os “errejonistas”, cuxa cabeza visíbel é Ánxela Rodríguez, os “Anticapitalistas” representados por Paula Quinteiro, e o grupo de Pablo Iglesias, do que fai parte CarmenSantos, engádeselle unha cuarta que fai da oposición á participación na Marea e da crítica á actual dirección galega o seu cabalo de batalla. A nova corrente, xurdida da maioría que anteriormente apoiaba Santos, agrupada arredor da autodenominada “Asemblea de Concellos de Podemos Galicia”, cunha destacada presenza nos ámbitos vilegos e da que fan parte entre outros Xosé Zapata, Carlos Armada ou Eusebio Ónega, será decisiva na conformación da nova dirección de Podemos en Galiza. A esta altura, ninguén dúbida que Carmen Santos non conta cos apoios necesarios para continuar ao fronte da organización, situándose á cabeza das apostas para sucedela Luca Chao, parlamentaria pola Coruña, membro  da candidatura de Ánxela Rodríguez Pam na pasada Asemblea, figura destacada do sector errejonista e que mesmo contaría coa axuda da militancia próxima a Anticapitalistas. Porén, nesta cuestión, como aconteceu coa formula de concorrencia das autonómicas, o que será decisivo é a posición da dirección central da formación morada.

A maioría que situou Carme Santos na secretaría xeral da formación morada fendeu pola metade

Santos xógase o futuro ao trunfo do sector de Iglesias. Isto explicaría o seu apoio tan activo a Ramón Espinar, cabeza de cartel da candidatura de Iglesias en Madrid que se vai enfrontar nas primarias da organización á errejonista Rita Maestre, tenente de alcalde da capital do estado. Neste sentido non pasou desapercibida o pasado domingo a presenza da secretaria xeral da formación morada na Galiza no acto de presentación da equipa de Espinar, froito dun pacto entre os próximos a Pablo Iglesias e a militancia de Anticapitalistas para evitar o trunfo dos errejonistas. Á espera de coñecer a composición definitiva dos órganos de dirección resultantes  das votacións que se celebran entre o 6 e o 8 de Novembro, na primeira fase da asemblea resultou claramente gañadora a alternativa errejonista que logrou impor dez relatorios por un do grupo de Iglesias. Á fronte madrileña, sumáselle tamén a andaluza, onde a actual secretaria xeral de Podemos en Andalucía e dirixente de Anticapitalistas, aliada con Iglesias nesta batalla, terá que enfrontarse a outras dúas candidaturas, promovidas polos próximos a Errejón. Sexa como for, Madrid e Andalucía marcan o camiño da loita decisiva da organización que se resolverá nunha asemblea estatal a celebrar na primavera de 2017, onde destaca o equilibrio  de forzas entre as dúas principais tendencias da organización.

A conflitividade de Podemos é un importante factor de inestabilidade na Marea

A conflitividade de Podemos é un importante factor de inestabilidade na Marea. Se ben a formación morada carece dunha posición única sobre o camiño a seguir por En Marea, así como da persoa que debe dirixila, a liña maioritaria defende preservar a configuración actual da confluencia e un liderado diferente no institucional e no organizativo. Semella que nesta alternativa non se atopa só Podemos e nesa lóxica explícase a filtración aos medios de comunicación da solicitude de Luís Villares á Coordinadora de En Marea demandando un chófer, un secretario persoal e un réxime de retribucións particular. Independentemente da autoría da filtración, o que esta demostra e fai pública é a oposición dunha parte das forzas da confluencia á elección de Luís Villares como máximo responsábel do partido instrumental e o desexo que o seu papel político se limite a súa función como portavoz parlamentario. Nesta liña, fontes de En Marea consultadas por Sermos Galiza aclaran que na dirección de En Marea ninguén cuestiona que Villares precise un chófer ou un secretario, “o propio Beiras en determinados momentos da súa actividade política contou con el”, agora ben outra cousa é que el deba ser o secretario xeral da organización que xorda. Así e todo, o relevante é que a día de hoxe poucas dúbidas fican de que o de Lugo recebe a contestación dunha parte significativa dos adheridos a En Marea.

Independentemente da autoría da filtración, o que esta demostra e fai pública é a oposición dunha parte das forzas da confluencia a elección de Luís Villares como máximo responsábel do partido

A oposición a Villares é transversal. Aínda que o núcleo deste grupo confórmase arredor da militancia de Podemos, da Marea Atlántica -a quen os próximos a Villares acusan da filtración á prensa da súa solicitude de medios- e de Esquerda Unida, tamén partillan esta posición sectores minoritario de Anova e membros de Compostela Aberta que desde o primeiro momento apostaron por Martiño Noriega como candidato da converxencia. O magma deste conglomerado é de procedencia diversa, atopándose desde persoas que nunca avalaron a candidatura de Villares até outros que ficaron decepcionados co seu papel na campaña electoral e tamén aqueles que aspiran a tomar o seu relevo. O silencio dos parceiros da confluencia diante dunhas declaracións do propio Villares a unha axencia de prensa nas que se ofrecía para liderar a organización como persoa de consenso entre as partes, e defendía unha lista de consenso entre as diferentes familias, é a evidencia da contestación existente, da perda de apoios e da opinión entre diversos sectores sobre a necesidade de separar o liderado orgánico e institucional. A falta de acordo sobre estas cuestións, moi patentes no seo da coordinadora de En Marea, está a provocar non só retrasos sobre os prazos do proceso, senón que xeneralizou un clima de desconfianza entre os membros da converxencia e unha perda de operatividade no traballo político. Está por ver que candidaturas alternativas á do portavoz de En Marea se formulan de cara á asemblea constituinte da nova organización, a día de hoxe todas as miradas se dirixen ás mareas das cidades.

Comentarios