18-F

Os partidos coinciden en acudir ao debate da TVG, aínda que con discrepancias, e o PP ábrese agora a ir ao de TVE

Prado insistiu en que os populares acudirán a "todos" os debates aos que se lles convide, pero sobre o de TVE dixo que concretarán a súa presenza en canto coñezan o seu plan de cobertura e "o formato" do encontro.
debate partuidos reunion europa press
photo_camera Borja San Ramón, Rubén Cela, Paula Prado, José Manuel Laxe e Paulo Carlos López (Foto: Europa Press)

Os representantes de PPdeG, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos que se reuniron esta terza feira para buscar un acordo ao redor dos debates electorais a realizar na campaña para os comicios do 18 de febreiro coincidiron, aínda que con diferenzas, en acudir ao que organizará a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) o día 5.

Ademais, a secretaria xeral e directora de campaña do PP, Paula Prado, abriu a porta a acudir ao debate a tres que expón Televisión Española (TVE) para o vindiero 14 de febreiro, aínda que sen confirmar aínda se acudirá o seu candidato e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou será outro membro do partido.

Prado insistiu en que os populares acudirán a "todos" os debates aos que se lles convide, pero sobre o de TVE dixo que concretarán a súa presenza en canto coñezan o seu plan de cobertura e "o formato" do encontro. Ademais, Paula Prado deslizou a posibilidade de que esta cita en Televisión Española finalmente sexa cinco incorporando a Sumar e Podemos como forzas políticas "significativas" que, de feito, xa avanzaron que recorrerán para poder asistir.

Por parte das outras forzas, acudiron á reunión Rubén Cela (BNG), José Manuel Laxe (PSdeG), Paulo Carlos López (Sumar) e Borja San Ramón (Podemos), quen confirmaron a súa asistencia ao debate da TVG, mais abundaron na necesidade de que haxa máis enfrontamentos televisados entre candidatos. Tamén criticaron que o PP só confirme a presenza de Rueda nun dos que hai agora mesmo encima da mesa.

Preguntado por esta decisión, o presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, remitiuse ao "pronunciamento da Xunta Electoral" e engadiu: "Queixas dos partidos da oposición vai haber sempre, propóñase o que se propoña. Estou seguro", dixo, para engadir que o que pide é que "se poñan de acordo entre eles inicialmente" porque "nin sequera póñense de acordo sobre quen deberían participar nos debates e quen non". "Algúns acoutan os partidos que deberían estar e os que senten excluídos protestan", lamentou.

Desde Democracia Ourensá avanzaron que recorrerán a súa exclusión —canda Vox, Espazo Común Galeguista e outras formacións— e acusaron os populares de "usar os recursos públicos para o que cren o seu beneficio: xuntar á esquerda para dividir o voto do PSOE". Non en balde, matizan que, "aínda que DO é transversal", os populares entenden que "resta máis ao PP".

O BNG insiste nun 'cara a cara'

Por parte do BNG, o seu coordinador de campaña, Rubén Cela, confirmou que Ana Pontón acudirá "a todos" os debates que propoñan os medios públicos porque será o "mellor" para a cidadanía, xa que os partidos "non deberían ter a prerrogativa" de decidir se van ou non van. Pero o nacionalista reiterou a súa suxestión, que PSdeG, Sumar e Podemos non ven con malos ollos, de que a cita do 5 de febreiro teña unha segunda volta na segunda semana de campaña. Polo de agora, nin PP nin a CRTVG o contemplan.

O que non suscitou tanto acordo foi a proposta do Bloque dun 'cara a cara' entre Rueda e Pontón, para o cal non poñen "ningunha condición" en canto a datas, medio e formato. Pero o PP respondeu, de novo, que deben ser o resto de forzas "as que designen un representante" para este debate.

O PSdeG non renuncia a seis debates

O secretario de Organización do PSdeG-PSOE, José Manuel Lage, tamén confirmou que o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, irá a todos os debates en medios públicos, aínda que el propuxera en decembro que houbese un total de seis sobre diferentes temas. Sobre o da TVG, Lage reprochou que xa pareza "un debate fechado" antes da reunión preparatoria que haberá na sexta feira.

E, aínda que non teñen "ningún problema" en que participen nel forzas extraparlamentarias, como Sumar e Podemos, si cre que forma parte dunha estratexia de "xerar confusión". "Rueda chega arrastrado ao debate da TVG. É evidente que non queren participar en debates, aínda que digan outra cousa. Tampouco se comprometen a ir ao de TVE", censurou.

Sumar e Podemos, a prol de participar

Por parte de Sumar Galicia, o seu portavoz, Paulo Carlos López, exixiu que a súa candidata, Marta Lois, estea "en todos os debates" non só pola súa condición de forza significativa, tal e como avalou a Xunta Electoral, senón tamén porque nas estatais de 2023 foron os terceiros máis votados na Galiza. Por iso, o portavoz de Sumar, igual que o coordinador nacional de Podemos en Galicia, Borja San Ramón, avanzou que recorrerán a decisión de TVE de propor un debate a tres, só entre PP, BNG e PSdeG.

San Ramón tamén asegurou que a candidata de Podemos á Xunta, Isabel Faraldo, acudirá a todas as citas ás que sexan convidados, á vez que lamentou que a intención do PP sexa "agochar" a Rueda e "estar nos menos debates posíbeis".

Comentarios