18-F

PP, BNG e PSdeG debaten sobre o futuro da sanidade na Galiza: pode mellorar a atención cos medios actuais?

Numerosas mobilizacións en defensa da sanidade pública inzaron as rúas da Galiza ao longo da última lexislatura para reclamar unha atención próxima, digna e de calidade. Veciñanza de todo o territorio manifestouse para denunciar unha xeira de feches, atrasos, colapsos, esperas e derivacións que se acentuou após a pandemia e que non é allea ao persoal sanitario, minguado polos recortes e a precariedade. Os tres partidos con representación no Parlamento da Galiza debaten sobre as melloras a introducir no sistema público de saúde.
debate 3
photo_camera Encarna Amigo (PP), Montse Prado (BNG) e Julio Torrado (PSdeG).

Encarna Amigo Díaz, candidata número 9 do PP por Lugo. Licenciada en Medicina e Cirurxía e parlamentaria.

ENCARNA

 "Cómpre lembrar que os recursos hoxe en día dispoñibles son os maiores dos que dispuxo nunca a sanidade pública na historia de Galicia. Os máis de 5.000 millóns que os Orzamentos da Xunta para 2024 destinarán á sanidade superan en máis de 1.400 millóns a contía que se destinaba para este fin no ano 2009, cando o goberno do PPdeG colleu as rendas da Xunta. Trátase dun incremento orzamentario acumulado en 15 anos de case un 39%, varios puntos por riba do IPC acumulado que o INE calcula para Galicia nese mesmo período.

En consecuencia, estas contas por suposto que van permitir mellorar a atención sanitaria, tal e como o permitiron as contas dos anos anteriores. Os recursos destinados nesta lexislatura permitiron ampliar o calendario vacinal galego ata ser o máis completo do mundo, estender o cribado de cérvix a toda Galicia, engadir 6 novas patoloxías ao cribado neonatal, instalar equipos de cirurxía robótica en todas as áreas sanitarias, crear 240 novas prazas de especialistas en saúde mental ou implantar sucesivas melloras de condicións laborais acordadas de xeito unánime coas organizacións sindicais.

Por outra banda, hai melloras pendentes que non dependen da asignación de recursos económicos: hai que lembrar que Galicia conta nestes momentos con prazas de Medicina de Familia ou Pediatría en Atención Primaria que están dotadas orzamentariamente pero que fican vacantes pola non dispoñibilidade de especialistas aos que contratar. Isto provoca que haxa que destinar recursos a pagar prolongacións de xornadas doutros profesionais. Para facer un uso eficiente dos recursos humanos precisamos que o Ministerio desbloquee a reforma do sistema de formación destas especialidades deficitarias, permitindo crear novas prazas formativas (para as que a Xunta achega financiamento) e formar así novos especialistas que podamos contratar cos fondos xa previstos.

A Xunta debe seguir procurando eses especialistas cos que completar a cobertura do seu cadro de persoal, o maior dos últimos 15 anos, así como tomando medidas organizativas que optimicen o traballo de todas estas persoas, tal e como fixo estes anos coas novas carteiras de servizos das categorías de Atención Primaria, cos plans locais de saúde ou coa creación de unidades multidisciplinares dirixidas á atención integral de determinadas patoloxías".

Montse Prado Cores, candidata número 2 do BNG por Pontevedra. Licenciada en Xeografía e Historia e parlamentaria.

montse

 Unha das principais preocupacións das galegas e dos galegos é a situación da sanidade pública, máis que xustificada porque o PP leva 15 anos aplicando as receitas do neoliberalismo, permitindo que as multinacionais da saúde teñan parasitado o noso sistema público, facendo saltar polos aires o dereito á atención sanitaria, poñendo en risco a poboación e profesionais.

A situación non é froito da casualidade, senón dunha voadura programada; a responsabilidade da Xunta era planificar e organizar e non o fixo, á mantenta. Non hai persoal médico, nin pediatras, nin enfermeiras... Non porque desaparecesen dun día para outro, senón polas políticas que aplicaron. Pois se a sanidade pública funciona ben non hai negocio para a privada.

Urxe polo tanto un cambio de rumbo, só posíbel cun Goberno galego que non asuma o actual marco e sitúe no centro os coidados e a saúde das persoas; que non actúe como sucursal de Madrid e comercial das empresas, que exerza as competencias e reclame un modelo de financiamento propio, plena capacidade para implantar unha política fiscal para dar adecuada cobertura ás nosas necesidades.

Precisamos rematar coa derivación de orzamento cara á sanidade privada. O PP é unha máquina de facilitarlle o negocio, por todas as vías, e con ocultación. Millóns de euros en concertos: TAC, resonancias, diálise, intervencións cirúrxicas, Povisa, ambulancias... Oito de cada dez euros en contratación opaca, a dedo, pagándolle ademais dedicación exclusiva a profesionais que desenvolvan a súa actividade tamén na privada.

Garantir a optimización dos recursos da sanidade pública: aparatos diagnósticos, camas, quirófanos... na vez de pagar a centros privados por actuacións que se poden realizar no Sergas.

Medidas para permitir actuacións urxentes: Plan de Mellora de Atención Primaria cun aumento do orzamento de 200 millóns de euros anuais até chegar a 25% ao final da lexislatura, para aumentar os cadros de persoal e incorporar especialidades necesarias, como psicoloxía clínica, nutricionistas, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadoras sociais, podólogos, ópticos-optometristas. Plans de choque para rebaixar listas de espera ou atención á saúde mental. Frear a descapitalización do maior valor da sanidade pública que son os e as profesionais, coa reposición dos dereitos laborais, económicos e sociais eliminados e rematar coa precariedade na contratación.

Julio Torrado Quintela, candidato número 4 do PSdeG por Pontevedra. Licenciado en Psicoloxía Social e parlamentario.

Julio Torrado

O sistema sanitario de Galicia ten un dobre problema de recursos humanos: hai unha necesidade de maior número de profesionais de diversas categorías pero tamén moitas e moitos dos que xa conforman o sistema afrontan unha maior precariedade que noutros lugares. Non só é un tema salarial, que tamén algo diso hai, senón de estabilidade, conciliación ou perspectiva para o desenvolvemento profesional.

En Atención Primaria debemos superar o médico-centrismo, no que a nosa médica ten que facer consulta, triaxe, pasar todo ao ordenador e, tras ver 40 ou 50 pacientes ao día, atender consultas de última hora e pode que visitar algúns doentes no seu domicilio. Non hai tempo para a saúde comunitaria, a investigación ou a promoción de hábitos saudables. E isto porque pagamos hoxe os recortes da última década, que deixan 900 profesionais menos que en 2009, e as incomprensibles decisións do Goberno galego, como renunciar en 2023 ao 40% das prazas formativas de enfermería para Atención Primaria.

Os socialistas queremos un modelo verdadeiramente multidisciplinar, que conte máis con todos os profesionais existentes a maiores do eixo médica-enfermeira, e incluso incorpore novas categorías (podólogos, ópticos...) como están a facer outras comunidades autónomas con éxito. Precisamos, tamén, profesionais que fortalezan a vinculación sociosanitaria, como traballadoras sociais, e cremos tamén na vinculación fortalecida dos servizos de saúde mental coa Primaria.

O aproveitamento dos recursos existentes no ámbito hospitalario é unha obriga, pois hoxe recórrese con excesiva facilidade á concertación mentres temos medios infrautilizados. Para isto debemos consolidar a vinculación dos profesionais ao sistema público, situando o paciente como razón principal do noso funcionamento. Tamén cabe afrontar a reversión á xestión pública do transporte sanitario, precisamente para ser máis eficientes e ter maior control dos recursos sanitarios.

No PSdeG queremos xestionar con visión máis actualizada un sistema que notou durante os últimos 15 anos unha perda de liderado e unha nula vontade transformadora, para o que debemos aproveitar os profesionais de maior recoñecemento e capacitación, como nunca antes tivemos, que son os actuais, así como as oportunidades que as novas tecnoloxías e infraestruturas nos permiten.

Comentarios