A Lei do ciclo integral da auga da Xunta supera o primeiro trámite para ser aprobada no pleno

Sesión do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sesión do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

A Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos deu esta quinta feira luz verde ao ditame do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

Desta forma, a proposta da Xunta supera o primeiro trámite necesario para que este novo texto lexislativo sexa aprobado definitivamente no pleno.

Na sesión, o PP aceptou 12 emendas de BNG e PSdeG, ademais de transaccionarse outras 14, para un total de 80 artigos que compoñen este texto. A oposición criticou a falta de vontade da Xunta para chegar a acordos sobre a norma.

O deputado popular José Manuel Rei asegurou no debate que esta lei ofrecerá a todos os galegos "un novo instrumento público para dar un mellor servizo público no ciclo integral da auga".

"Dar un paso máis"

Rei explicou que a Galiza xa conta cunha Lei de garantía de abastecemento pero que agora se quere "dar un paso máis", "única e exclusivamente para axudar aos concellos que así o desexen voluntariamente poñendo á súa disposición un instrumento para que poidan xestionar con maior eficacia e eficiencia o ciclo integral da auga, no que se refire a abastecemento, saneamento e depuración".

Ademais, sostivo que a lei é froito da "demanda constatada" polos concellos de maior colaboración nun tema que é da súa competencia e "froito dun intenso traballo técnico".

"Sablazo da auga"

Na sesión, o deputado do BNG Luís Bará avanzou que a súa formación non apoiaría o texto ao ter "grandes diferenzas na forma e no fondo". "A principal ten que ver co déficit de participación", sostivo o parlamentario nacionalista, ao tempo que afeou á Xunta que "interprete" como participación os trámites aos que está obrigada.

Así mesmo, criticou que non se fixese un esforzo por chegar a un pacto galego pola auga, "un ben cada vez máis escaso". "Non se ten en conta o municipalismo galego, non se tivo en conta o ditame do CES, non se ten en conta o previsto no pacto local da auga", censurou.

"Esta lei ten dous obxectivos principais: un recadatorio, por iso falamos de 'sablazo da auga'; e outro coercitivo, de impor pola forza", sostivo Bará, que criticou tamén que se "laminasen" a maior parte das emendas formuladas polo seu grupo.

Os concellos, "sen voz"

Pola súa parte, a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo, cuxo grupo tamén votou en contra do informe, insistiu no que o proxecto da Lei do ciclo integral da auga debería ser "un acordo de país" para protexer un ben esencial.

Neste sentido, lamentou que o Goberno galego presentase esta normativa sen chegar a consensos cos principais actores implicados na súa xestión que, segundo indicou, son os concellos.

Nesta liña, criticou que non se incorporasen ao texto ningunha das alegacións presentadas ao texto pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), polas deputacións ou polos propios municipios. "Pídenlles que paguen, pero non lles deixan ter voz", censurou.

Comentarios