O Parlamento aproba a primeira Lei de non discriminación LGTBi

A nova norma supón a primeira que se desenvolve a nivel territorial. Foi tiltada polas forzas da oposición como unha lei "imperfecta" mais que contribúe a "abrir camiños" na loita contra a LGTBifobia.

carme
photo_camera Carme Adán (BNG) porta a bandeira do arco da vella

O Parlamento galego aprobou esta terza feira a Lei de non discriminación de Lesbianas Gais Transexuais Bisexuais e Intersexuais (LGTBi). Após meses de ponencia en Comisión, PP, PSOE e BNG votaron a favor dunha norma que, dixo a deputada nacionalista, Carme Adán, "é imperfecta" mais "abre camiño". Pola súa banda, AGE e a deputada do Grupo Mixto, Carme Iglesias, abstivéronse após consideraren a norma unha "oportunidade perdida" por non incorporar un capítulo de sanción e a inversión da proba nos procesos xudiciais.

Este novo instrumento xurídico --o primeiro a nivel territorial-- introduce importantes mudanzas como o recoñecemento da unidade familiar fóra dos marcos da heteronormatividade e o dereito de calquera modelo familiar a solicitar unha adopción. Desta maneira a Lei para a visibilización e non discriminación LGTBi contradí o fixado pola Lei de Familia (2010). 

Un avanzo en materia lexislativa para o Partido Popular que aceptou unha parte importante das emendas achegadas polas forzas da oposición. Malia a "decepción" do grupo parlamentar de AGE, como indicou a súa portavoz Eva Solla, esta nova norma velará pola non discriminación no deporte, nas empresas ou nas escolas. No entanto, o texto finalmente aprobado non incorpora un capítulo de sancións deixando en mans da Valedoría do Pobo o control e seguimento de posíbeis incumprimentos legais. O que exixirá mudanzas lexislativas tamén na materia. 

Comentarios