NóS, EN MAREA E PSDEG CRITICAN A AUSENCIA DE PP E CIUDADANOS

O papel da Galiza na axenda territorial marca os momentos máis intensos do #SermosDebate 

As candidatas Carme Adán (Nós Candidatura Galega), Yolanda Díaz (En Marea) e Pilar Cancela (PSdeG) debateron na Nave de Vidán, nun confronto dialéctico no que se expueron as respectivas propostas sobre catro blocos temáticos: economía e traballo, política internacional, dereitos sociais e liberdades públicas e Galiza ante o debate territorial.

Candidatas #SermosDebate
photo_camera De esquerda a dereita: Carme Adán, María Obelleiro (moderadora), Yolanda Díaz e Pilar cancela

Galiza e o seu papel nunha lexislatura que virá marcada pola cuestión territorial foi o ponto álxido do debate que decorreu na mañá desta segunda feira na Nave de Vidán (Compostela) e no que tomaron parte das candidatas Carme Adán (Nós), Yolanda Díaz( En Marea) e Pilar Cancela (PSeG), con arredor de 30 persoas como público asistente. As candidatas de PP e Ciudadanos optaron finalmente por declinar a súa participación neste acto, embora ter confirmada asistencia, o que foi cualificado por Cancela como “covardía democrática”.

O papel que lle cómpre xogar a Galiza na axenda territorial evidenciou os diferentes posicionamentos das forzas presentes. Para Carme Adán, o dereito de Galiza a decidir como nación é o alicerce da cuestión, un dereito que non recoñece a Constitución, “polo que non a apoiamos no 78 e non a apoiamos tampouco agora”. A candidata de Nós pula por un proceso constituínte desde Galiza e sitúa a formación pola que é candidata como a “única garantía” de que o país estea presente “sen interferencias”. Yolanda Díaz apelou á necesidade de camiñar cara a un novo escenario no que “todos poidan decidir libremente o que queiran ser” e afirmou con rotundidade que a “Constitución está morta”.

Carme Adán no #SermosDebateFoi a socialista Pilar Cancela a menos crítica coa 'Carta Magna'. Embora recoñeceu que é necesario abordar unha reforma, incidiu en que contén “elementos válidos” e que foi quen de garantir “37 anos de estabilidade democrática”. A candidata do PSdeG pola provincia da Coruña cualificou o PSOE como “federalista", ao tempo que aceptou sen problema a etiqueta de “estatalista ou españolista”, se ben enfatizou que no cerne do seu ideario está tamén o “galeguismo”.

En Marea e Nós, a un mesmo grupo parlamentar?

Foi neste bloco temático que Yolanda Díaz apuntou o seu desexo que de ter representación Nós e En Marea ambos poidan conformar un “grupo parlamentar propio galego”. Adán lembrou que Nós, desde o proceso do seu nacemento, tivo como un dos seus alicerces a defensa e conquista dun grupo parlamentar. En todo caso, puxo moito a énfase en que a súa é "unha candidatura" sen ataduras con ningunha forza estatal. 

Economía e Traballo

Foron estas cuestións, Economía e Traballo, as que abriron o #SermosDebate na Nave de Vidán. Adán, Díaz e Cancela coincidiron no retrato da situación económica galega, con desemprego, precariedade e temporalidade en niveis insoportábeis e sectores fulcrais (do naval á pesca, pasando polo gandeiro...) en grave risco. Para a candidata socialista, o fomento das políticas activas de emprego e a aposta nos “sectores estratéxicos” e ter claro “o modelo de país” e “de desenvolvemento” a ter son cuestións chave.

Yoanda Díaz puxo sobre a mesa propostas como a renda mínima para quen non traballo e a renda complementaria para os traballadores con salarios precarios; alén de defender “un novo sistema tributario no que paguen os que máis teñen” e avogar pola necesidade de baixar o IVE a produtos de primeira necesidade. “Debemos poñer a economía ao servizo das persoas”, remarcou a candidata de 'En Marea', que tamén falou de crear un instituto financeiro público.

Yolanda Díaz no #SermosDebateA aposta nos sectores produtivos, a reindustrialización de Galiza nos seus sectores máis fortes e a aposta no I+D+i constitúen para Carme Adán tres eixos básicos para o noso país e reverter a situación actual, marcada polo paro, a precariedade e a emigración, nomeadamente entre a mocidade. A nacionalista falou de propostas concretas, como libertar de peaxes a AP9 ou a tarifa eléctrica galega, que repercutirían favorabelmente na economía e nas persoas. Tamén abordou a necesidade de emprender accións que rematen coa fenda salarial entre homes e mulleres.

Política Internacional

O bloco de Política Internacional deu para debater sobre que papel xoga (e o que debería xogar) Galiza nese campo, mais tamén a Unión Europea como modelo ou o combate 'contra o terrorismo'. O 'Non á guerra' foi defendido polas candidatas, mais con diferenzas. Para Cancela o atentado de París é “un acto terrorista e Europa debe responder unida a través da política”. Unha UE que a candidata do PSdeG defendeu reivindicando “esa Europa dos dereitos sociais, referente en todo o mundo”. Sobre o papel de Galiza no ámbito internacional, lembrou que as relacións exteriores son competencias exclusivas do Estado, e que así o dispón a Constitución, se ben se amosou partidaria de debater esta cuestión nunha eventual reforma da Carta Magna.

Para Carme Adán “o pacifismo” do nacionalismo galego lévalle a denunciar que tras as guerras o que moitas veces se oculta “é a vontade de expolio e dominio doutros países”. Canto ao papel de Galiza, Adán criticou que Galiza non poida ter ningún tipo de cooperación ou relación con quen o Estado español non as teña, o que mingua as capacidades do país. “O marco das nosas relacións exteriores deberíase marcar desde aquí e non que nolas marquen en Madrid”, dixo, avogando por “un novo marco” de relacións internacionais no que Galiza “estea como nación”.

Pilar Cancela no #SermosDebateYolanda Díaz cargou contra a “hipocresía” de quen fala de terrorismo para despois vender armas. A candidata de En Marea abordou a necesidade de opoñer á guerra, mais tamén a aqueles tratados e acordos que conleven pobreza e desigualdade entre os pobos e ataque ás maiorías sociais, citando o TTIP. Tamén avogou por traballar a todos os niveis por poñer couto e fin “aos paraísos fiscais”.

E o euro?

Neste bloco de política internacional houbo unha pregunta a maiores: se a raíz da experiencia de Syriza hai marxe de manobra para outros modelos dentro do euro. Carme Adán manifestou que “a Unión Europea non é o modelo, vai contra a igualdade dos pobos e das persoas”, situando o euro como “instrumento deseñado para uns intereses que, desde logo, non son os dos pobos e da maioría social”. Tamén Yolanda Díaz se manifestou con rotundidade contra o euro: “Neste modelo de euro non hai saída. Nin para Galiza nin para os pobos do sur de Europa”, avogando porque “as esquerdas” dean “o debate”, denunciando que “as políticas de austeridade e défice cero foron armas de destrución masiva”.

Pilar Cancela expuxo outra opinión. “Apoiamos a UE, a dos dereitos e liberdades”, sinalou, para a seguir recoñecer que “agora son outros os intereses que priman” na Unión Europea, mais confiando que a medida que “vaia habendo gobernos de esquerdas” se podan ir recuperando os valores citados ao principio. “O modelo da UE debe reconfigurarse”, dixo, “mais segue a ser unha ferramenta importante”.

Dereitos sociais e liberdades públicas

Houbo coincidencia en denunciar o acontecido nestes catro anos de goberno de Mariano Rajoy, unha lexislatura que laminou dereitos e liberdades. As tres mulleres abordaron os dereitos sociais desde unha visión ampla, falando de educación, sanidade ou igualdade, tres eidos nos que o retroceso, coincidiron, foron máis que notábeis.

“A política de Mariano Rajoy arrasou con todo no eido social”, dixo Carme Adán. Agora é momento de nos preguntar “que sociedade queremos” e para conformar unha verdadeiramente xusta e libre a aposta debe ser “na educación e sanidades públicas, na igualdade”. “Nós somos a candidatura de Galiza e a candidatura contra os recortes”, dixo. A candidata de En Marea apelou a acabar e reverter os procesos de privatizacións na sanidade e na educación. Cancela presentou o PSOE como o partido que “garante a igualdade de oportunidades, esa é a pedra angular da sociedade que queremos”.

#SermosDebateMinuto de Ouro

Como broche do #SermosDebate cada unha das intervintes tivo o que se coñece como o 'minuto de ouro', 60 segundos nos que resumir a mensaxe que queren transladar. Comezou Pilar Cancela, afirmando que “estamos no momento de decidir que modelo de sociedade queremos” e que “a alternativa” para mellorar a situación pasa por “un goberno de esquerda” e aí a chave é, engadiu, o PSOE.

“O cambio xa está en marcha”, sinalou Yolanda Díaz, “do que se trata é de materializar ese cambio que ten rostro cidadán”. A candidata de En Marea dixo que o fulcral “non é cambiar o goberno, senón cambiar o país”. E culminou: “Nestas eleccións trátase de defender a vida”.

Carme Adán defendeu a necesidade de ter no Congreso unha forza que teña “o corazón, as mans, a cabeza e os pés en Galiza” e que iso non se atopa nun “bipartidismo a catro que é máis do mesmo”.

Comentarios