Pancho Casal: "Nestas eleccións xogamos os próximos 30 anos da Galiza"

Entrevistamos Pancho Casal, candidato á Presidencia da Xunta da Galiza por Marea Galeguista. 
O candidato de Marea Galeguista, Pancho Casal, na redacción de 'Nós Diario' durante a entrevista. (2)
photo_camera O candidato de Marea Galeguista, Pancho Casal, na redacción de 'Nós Diario' durante a entrevista. (2)

—Como mobilizar o votante ante o perigo dunha abstención?

Hai que transmitir que estas non son unhas eleccións máis. Xogamos os próximos 30 anos da Galiza en sostibilidade, produción, desenvolvemento industrial e na consolidación de políticas feministas reais e dotadas de orzamentos.

A presenza de forzas soberanas galegas é imprescindíbel porque vai haber unha achega de fondos da UE ao Estado inmensa, a maior da historia, 140.000 millóns. Se non estamos quen pensemos na Galiza sen ter apaños en Madrid, non vai chegar aquí o que precisamos.

Tamén é importante que non haxa maioría absoluta para facer viábel a reconstrución, e para iso o PP ten que ir á oposición. Vímolo no Congreso: o PP votou a prol do Ingreso Mínimo, mais alguén pensa que de estaren gobernando terían presentado esa lei? 

—Cal debe ser o status da Galiza?

Hai que mudar o Estatuto, ter no preámbulo unha carta de dereitos para aproximalo a unha Constitución galega e Galiza debe ser recoñecida como nación.

—Como valora o debate da TVG?

Estivo escaso de medidas. Eu son unha persoa de proxectos e de concretar e puxen na mesa máis medidas que todos os demais xuntos. Vox e Cs deron cero iniciativas,

Ana Pontón si fixo propostas, mais esqueceu as transferencias e o rescate da AP-9. Con Alcoa todos estiveron frouxos, ningún deles demandou a intervención do Estado na fábrica.

Por primeira vez vin Feixoo nervioso, sobre todo ao falar da crise nas residencias. Ao tratar a problemática industrial, isto parecía que non ía con el, non debeu ler o Estatuto de Autonomía, onde marca que a Galiza ten as competencias en Industria. 

—En que se debe basear a reconstrución da Galiza?

Nas potencialidades propias. O primeiro é duplicar o investimento en I+D+i. Lembremos que 9 de cada 10 posdoutorais quedan fóra do sistema e a maioría emigra. Debemos apostar pola agrogandaría sostíbel, non encher a nosa terra fértil de eucaliptos, cando a horta ou o castaño son moito máis rendíbeis; debemos apostar pola enerxía renovábel, fundamentalmente eólica. Galiza tiña que ser xa líder mundial nisto. Hai que crear valor engadido, temos que xerar patentes... 

—Influíu a pandemia para que En Marea pasase de non concorrer no 5-A a agora presentarse?

Totalmente. En febreiro críamos que era mellor deixar o campo ás outras forzas progresistas, mais agora hai que reconstruír Galiza e quedar de perfil non é asumíbel. Quixemos construír un acordo de forzas soberanas, mais o BNG non quixo sentar a falar e Anova prefire ir cunha forza estatal. Si o fixemos posíbel con Compromiso e co Partido Galeguista. 
 

Comentarios