As 'quinielas' do novo Goberno de Rueda: quen soa para entrar en San Caetano?

O actual presidente en funcións será formalmente investido este sábado en Bonaval.
Os deputados e deputadas populares aplaudindo o presidente en funcións, Alfonso Rueda, na primeira xornada da investidura, esta terza feira, no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Os deputados e deputadas populares aplaudindo o presidente en funcións, Alfonso Rueda, na primeira xornada da investidura, esta terza feira, no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Nos corredores do Hórreo e San Caetano non se fala doutra cousa. Alfonso Rueda, que esta quinta feira será investido cos votos a favor do seu partido, a abstención de DO e o 'non' de BNG e PSdeG, prepara a que se prevé como a maior revolución dentro do Goberno galego e que esta terza, durante o seu discurso, foi avanzando deslizando algunhas pinceladas.

A investigación científica tomará un "novo pulo" pasando da Consellaría de Economía á de Educación; as competencias de Emigración dependerán de Emprego; a ordenación do solo industrial, até o de agora en Urbanismo (Medio Ambiente, Territorio e Vivenda), á Consellaría de Industria, e a tramitación normativa dos proxectos de enerxías renovábeis integraranse na de Medio Ambiente. Anunciou tamén a creación dunha Dirección de Asuntos Constitucionais que dependerá de Presidencia e que ve necesaria polos "ataques á Constitución".

E unha das cuestións nas que máis insistiu foi no "maior peso" que, dixo, terán no novo Executivo a lingua e a cultura, se ben evitou dar nomes. Pero aquí entra en xogo Valentín García, actual secretario xeral de Política Lingüística e o encargado de coordinar o programa electoral do PP para as eleccións do pasado 18 de febreiro, cuxo nome soa para ocupar unha Consellaría. Neste senso, valórase como posibilidade a partición da actual carteira de Cultura e Educación que hoxe ostenta Román Rodríguez.

Outro que soa con forza para facer parte do novo equipo de goberno de Rueda é o alcalde da Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), José López Campos, que ten boa sintonía co presidente en funcións e que podería integrar outra consellaría após arrasar nos comicios municipais con case 58% dos votos e 13 de 21 edís.

A investidura, en Bonaval

O próximo sábado Alfonso Rueda emulará o primeiro presidente da Xunta da Galiza, o tamén popular Xerardo Fernández Albor, e xurará o cargo no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, en Santiago. No acto oficial de toma de posesión prevese a presenza dos tres ex presidentes galegos que aínda viven: os socialistas Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño e o popular Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios