A organización da homenaxe a Lenin suspendida en Ferrol pide ao Ateneo que "non ceda á chantaxe" do PP: "Vai haber acto si ou si"

"Estamos a falar dun acto de censura ideolóxica que ademais se basea, como vemos polas polémicas noutros sitios, en falsidades históricas como é equiparar a Lenin con Hitler [líder do réxime Nazi alemán]", asegurou Xaquín García Sinde.
Acto de protesta pola censura da homenaxe a Lenin en Ferrol (Foto: Europa Press).
photo_camera Acto de protesta pola censura da homenaxe a Lenin en Ferrol (Foto: Europa Press).

O portavoz en Ferrol (comarca homónima) de Esquerda Revolucionaria, Xaquín García Sinde, reclamou ao presidente do Ateneo Ferrolán, Xavier Montero Dongil, que "non ceda ás presións da dereita e á chantaxe" do PP e permita que teña lugar o acto homenaxe a Lenin (líder da Revolución de Outubro en 1917 en Rusia) polo centenario da súa morte que tiña previsto decorrer esta quinta feira e que foi suspendido polos responsábeis da entidade.

"Estamos a falar dun acto de censura ideolóxica que ademais se basea, como vemos polas polémicas noutros sitios, en falsidades históricas como é equiparar a Lenin con Hitler [líder do réxime Nazi alemán]", asegurou García Sinde nunha rolda de prensa ofrecida no mediodía desta terza feira na praza de Armas de Ferrol e que contou co apoio de partidos de esquerdas, sindicatos e organizacións culturais desta cidade.

García Sinde denunciou que detrás da decisión do Ateneo Ferrolán de suspender a actividade está o Goberno municipal desta cidade, integrado en exclusiva polo Partido Popular, e que ligan á polémica xurdida na cidade da Coruña, onde os populares locais reclamaron á alcaldesa, Inés Rei (PSOE), que anulase un acto igual na urbe herculina.

"Parécenos unha contradición que o alcalde desta cidade un día acuda a Canido a inaugurar un monumento en memoria das vítimas do franquismo e da ditadura, e ao día seguinte prohiba un acto que ten o mesmo contido ideolóxico que compartían moitas das persoas homenaxeadas", aseverou o responsábel de Esquerda Revolucionaria en Ferrol.

Así, instou ao PP a que depoña a súa actitude "censora" e permita "a rectificación ao presidente do Ateneo" para que poida ter lugar un acto nas instalacións da entidade, que pertencen á rede municipal.

"Vai haber acto si ou si"

En todo caso, o portavoz de Esquerda Revolucionaria e da Fundación Federico Engels, que son as entidades organizadoras, detallou que esta quinta feira, 25 de abril, ás 19 horas, estarán na sede do Ateneo Ferrolán. "Vai haber acto si ou si, e se non pode ser no salón de actos desta sede, pois será noutro sitio, mais vai haber acto. Que se esquezan, non imos darlle ese gusto á dereita", concluíu.

Comentarios