A oposición ve "unha ocorrencia" atrasar a xubilación dos médicos

O PP defende que é "razoábel" adiala aos 72 anos.
Reunión da Xunta de Portavoces. (Foto: Parlamento)
photo_camera Reunión da Xunta de Portavoces. (Foto: Parlamento)

O BNG e o PSdeG consideran que a proposta da Consellaría de Sanidade de ampliar a idade de xubilación a médicos de Atención Primaria aos 72 anos para paliar a falta de persoal é "outra ocorrencia máis" da Xunta da Galiza que non vai servir para solucionar os problemas da sanidade galega. Para o PP, porén, a proposta da Consellaría é "razoábel". Así se manifestaron os portavoces dos tres grupos parlamentarios após a xuntanza da Xunta de Portavoces do Parlamento galego, decorrida esta terza feira.

A situación da sanidade galega, de feito, será de novo a gran protagonista do vindeiro pleno do Parlamento galego dos días 7 e 8 de febreiro a segunda sesión ordinaria de 2023. O BNG e o PSdeG elixiron a sanidade como asunto para o seu careo co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, e o portavoz na Cámara do PSdeG, Luís Álvarez, consideraron que a proposta de atrasar a idade de xubilación de médicos "non responden ás necesidades reais" que pasan, segundo manifestaron ambos os portavoces da oposición, por poñer fin á "precariedade" no Sergas.

"O que hai que facer é deixar de recortar", manifestou a deputada nacionalista, que aseverou que o problema da sanidade galega é "a precariedade" que "expulsa" os profesionais sanitarios da Galiza.

Vivenda

A sanidade non será o único tema que centre a sesión plenaria da vindeira semana. Diante do incremento das hipotecas en 2022, o BNG anunciou que vai reclamar no pleno da Cámara galega crear un fondo hipotecario con 25% de fondos públicos e 75% de fondos das entidades financeiras con actividade na Galiza e  "en función da súa cota de mercado".

Desde o PSdeG, pola súa parte, anunciaron que incluirán unha proposición non de lei con propostas para impulsar o autoemprego, logo de constatar "o fracaso da estratexia económica da Xunta da Galiza".

Comentarios