Xustiza

Tres directivos da CRTVG declaran esta cuarta feira nos xulgados de Compostela por un posíbel delito de acoso laboral

Alfonso Sánchez Izquierdo prestará testemuño o vindeiro 22 de febreiro.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento da Galiza o pasado maio. (Foto: Arxina)
photo_camera O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento da Galiza nunha comparecencia. (Foto: Arxina)

A cuarta feira de 31 de xaneiro, comparecerán no Xulgado de Instrución número 1 de Santiago tres das oito persoas con responsabilidades directivas da CRTVG investigadas na querela criminal interposta por unha traballadora da Radio Galega por posíbeis delitos de acoso laboral e contra os dereitos dos traballadores. Os comparecentes son o director de Innovación e Negocio, Xosé Pereira Fariña; o subdirector dos Servizos Informativos da CRTVG, Alejandro López Carballeira, e a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao.

Alfonso Sánchez Izquierdo

Outro dos querelados é o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que terá que declarar o 22 de febreiro, xunto co responsábel do Servizo de Prevención, Manuel Casás Macías. Sete días antes, o 15 de febreiro, comparecerán a coordinadora de Persoal da Radio Galega, Vitalina Cuña Palencia; a xefa de Xestión de Persoas, Paula Veloso Pereira, e a que fora directora de Recursos Humanos no momento en que sucederon os feitos, Susana Fernández Veiguela.

A querelante é unha xornalista que accedeu hai 35 anos, mediante concurso-oposición, a unha praza fixa como redactora na Radio Galega. Após unha paréntese de oito anos nos que ocupou a dirección doutro medio público na Galiza, en 2012 reincorporouse á CRTVG como coordinadora de relacións comerciais cos concellos, aproveitando a súa experiencia profesional no medio anterior.

Tania Lombao

Á volta de xaneiro de 2018, Tania Lombao comunicoulle que debía reincorporarse como redactora a Informativos. Cun xenérico "por motivos de reorganización" e con seis días de antelación, a traballadora foi obrigada a retomar unhas tarefas que levaba sen facer 14 anos. Pouco despois, Xosé Pereira xustificou que a reorganización do servizo lle afectase só a ela pola necesidade de dispor dunha "voz feminina", nun departamento conformado por 24 redactoras e 12 redactores.

Unha vez presentada a demanda polo cambio de función, segundo a investigación pericial comeza unha estratexia de acoso laboral, baseada principalmente no entorpecemento do progreso profesional, a intimidación encuberta e o desprestixio da traballadora, con graves consecuencias para a súa integridade moral e psicolóxica. Naquela altura, Alejandro López Carballeira era o xefe de Informativos da Radio Galega, coa función específica de xestionar e coordinar os recursos humanos e técnicos do servizo. A posíbel responsabilidade penal esténdese ao director xeral e ás demais persoas directivas do Departamento de Recursos Humanos e o Servizo de Prevención.

Agás Manuel Casás e Vitalina Cuña, pertencentes ao cadro de persoal da CRTVG, o resto dos investigados teñen contratos de alta dirección, cuxa suposta legalidade está pendente de resolución xudicial. Amparándose na normativa que regula a alta dirección, Sánchez Izquierdo nomea o persoal directivo polo sistema de libre designación, eludindo, así, someter a escolla do seu equipo dirixente aos procedementos da contratación pública que garanten a publicidade e a concorrencia e atendendo aos principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade. Neste contexto, acceden a postos directivos Tania Lombao e López Carballeira, con experiencias profesionais cativa.


Alejandro López Carballeira, un valor en alza da CRTVG

En 2013, cando viña de titularse en Xornalismo, Alejandro López Carballeira obtivo unha bolsa Feuga con estancia na CRTVG de un ano. Segundo sinala en Lindekin, en xuño de 2015 vencéllase á CRTVG mediante un contrato en prácticas. Malia o carácter formativo desta modalidade contractual, Carballeira pasa a coordinar informativos, exercendo o mando sobre persoas redactoras con longas traxectorias profesionais.

Finalizado o contrato en prácticas ao se faceren os dous anos de duración máxima legalmente permitida, en xuño de 2017 é nomeado xefe de Informativos da Radio Galega. En setembro de 2021, ascende a subdirector dos Servizos Informativos da CRTVG, posto que desempeña na actualidade. O 5 de febreiro será un dos moderadores do debate electoral do ente público.

Comentarios