A oposición critica o modelo de residencias e o eólico

Mentres a líder da oposición demandaba un modelo para "humanizar os coidados das persoas maiores" durante a sesión de control ao Goberno, o voceiro do PSdeG apuntaba cara ao sector eólico, criticando a moratoria impulsada pola Xunta.
Ana Pontón, voceira nacional do BNG, e Luis Álvarez, voceiro parlamentar do PSdeG, na sesión. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, voceira nacional do BNG, e Luis Álvarez, voceiro parlamentar do PSdeG, na sesión. (Foto: Nós Diario)

O modelo de residencias privadas e o desenvolvemento estratéxico do sector eólico centraron onte a sesión de control ao Goberno que decorreu no Parlamento, ao ser inquirido Alberte Núñez Feixoo, presidente da Galiza, por parte da oposición polas carencias nestes ámbitos.

A Galiza conta coa menor cifra de prazas públicas de todo o Estado, cun 85% de prazas privatizadas e con cero residencias públicas construídas durante os 12 anos de goberno do Partido Popular (PP), afeoulle a líder da oposición e voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón.

Criticando o modelo privado de residencias de maiores imposto polo PP, Pontón recriminou a Feixoo por un sistema que facilita ás “empresas amigas do PP como DomusVi seguir facendo negocio coa vellez”, resolveu, facendo énfase en que isto proba como a formación “non entende a política como servizo público, senón como servirse do público”.

A voceira nacionalista defendeu “un modelo de residencias no que a prioridade sexan as persoas”, na liña da Proposición non de lei presentada pola fronte, que busca impulsar as residencias públicas de menor tamaño, que permitan “humanizar os coidados das persoas maiores”.

"Obriga ética e moral"

“Temos a obriga ética e moral de tomar nota do que pasou na pandemia, onde un colectivo de 22.000 persoas chegou a representar o 45% dos falecementos”, subliñou.
Na súa resposta, Feixoo reiterou que a Galiza padeceu “o número máis baixo de falecementos con respecto ao total de prazas”, e salientou o tempo récord no proceso de vacinación das persoas maiores.

Ao tempo, sostivo que após os efectos da pandemia de SARS-CoV-2, o seu gabinete impulsa un novo modelo de residencias, sen facer mención ao carácter público ou privado das mesmas.

Modelo eólico

“Un novo modelo eólico para a Galiza que desenvolva un plan de crecemento ordenado, respectuoso co medio ambiente e socialmente xusto do sector”, reclamou durante o pleno o voceiro do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), Luis Álvarez, cuestionando as liñas estratéxicas do Executivo.

Álvarez incidiu na “falla de planificación, falla de eficacia e falla de transparencia” por parte do Goberno que preside Feixoo no ámbito eólico. Este desleixo, subliñou, “provoca inseguridade xurídica para todos os axentes implicados”.

Pedindo un novo plan eólico que “nos sitúe nunha posición de vangarda na utilización das enerxías renovábeis”, o parlamentar cuestionou a moratoria de novos proxectos eólicos imposta pola Xunta, apuntando que “despois de tanta desidia durante anos, aínda se permiten prohibir por Lei novos proxectos durante ano e medio”.

Pola súa banda, o presidente puxo en dúbida que se aborde esta cuestión “perante unha crise enerxética”, e arremeteu en contra do Estado polos parques eólicos de responsabilidade estatal que tramitou.

Comentarios