A oposición en Castrelo de Miño acusa o alcalde de "empadroamentos masivos" en casas de persoas ligadas ao PP

O rexedor do municipio, Avelino Pazos, afirma que "estamos nun país libre, cada un empadróase onde lle dá a gana”, e atribuíu o interese por empadroarse neste municipio aos servizos públicos gratuítos.
Unha das casas en que se realizaron os empadroamentos de Castrelo de Miño denunciados pola oposición. (Foto: PSdeG)
photo_camera Unha das casas en que se realizaron os empadroamentos (Foto: PSdeG)

Desátase a polémica en Castrelo de Miño. A oposición ao Goberno  do alcalde Avelino Pazos (PP) acúsao de “empadroamentos masivos” co obxectivo de beneficiarse nas eleccións.

Foi o BNG de Castrelo de Miño quen denunciou ante o Instituto Nacional de Estatística (INE) os empadroamentos "masivos" que levou a cabo, acusa, o PP neste municipio.

O BNG de Castrelo fala de “posíbel delito electoral” após seren detectados un total de 48 novos censos no período de 2 meses.

Este grupo cualifica de “ilexítimo” ao rexedor pola forma na que chegou ao poder -a  través dunha moción de censura no ano 2020-.

Lembraron tamén, a través dun comunicado, que a modificación do censo electoral é un delito que pode acarrear a inhabilitación dun cargo público por un período de sete anos.

O PSdeG tamén se pronunciou ao respecto e, segundo os seus datos "das 46 novas altas rexistradas no padrón municipal no último trimestre, aprécianse "numerosas irregularidades" unha vez consultado o expediente".

Segundo os socialistas, ditos empadroamentos foron levados a cabo en casas "totalmente fechadas e inhabitadas" e que son "propiedade" de concelleiros "do PP, e mesmo familiares directos de cargos do PP".

Os feitos

Os socialistas poñen o foco, principalmente, no núcleo de poboación de Covelas, no cal se empadroaron 14 persoas, sete nunha casa dun concelleiro do PP e tenente de alcalde e outras sete na casa dun familiar directo desta persoa, segundo sostén o PSdeG. "Non podes facer sete contratos de arrendamento diferentes para unha mesma vivenda", aseveraron os socialistas.

Os socialistas critican que as persoas empadroadas "non residen" no concello un mínimo de 180 días, tal e como está estabelecido legalmente, e apuntan que tampouco hai constancia de que exista "relación entre os empadroados nunha mesma vivenda, nin de que exista autorización por parte dos propietarios da vivenda".

"O alcalde, que vive en Toén, tamén participou no empadroamento, xa que na casa dos seus pais vén de empadroar o seu fillo e varios familiares, mentres que na casa doutro concelleiro do PP fixo o propio coa súa cuñada e o marido da súa cuñada", explicou Catalina González Álvarez, portavoz socialista.

Defensa do alcalde

Pola súa parte, o rexedor, Avelino Pazos, afirma que "estamos nun país libre, cada un empadróase onde lle dá a gana”, e atribuíu o interese por empadroarse neste municipio aos servizos públicos gratuítos como as casas niño, as residencias do maior ou o bo funcionamento do colexio e o transporte escolar.

Fronte ás acusacións, Pazos declarou que ao PSOE "todo lle está mal" e están instalados na "crítica destrutiva".

"Cando non teñen outra forma de atacar, crean crispación, pero non lles vou a entrar no xogo", sinalou, ao ser preguntado polas acusacións que atribúen empadroamentos vinculados a dirixentes populares.

"Eu creo no traballo dos funcionarios", defendeu, e agregaou que el se limita a "asinar" o que lle remiten.

"Non lle dou máis importancia", insistiu, para rexeitar darlle "máis minutos de gloria a quen insulta e ameaza”.

Comentarios