Os populares fican sós ao pedir o atraso da xubilación dos médicos

O BNG e o PSdeG non apoiaron a iniciativa do PP.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comparece, a  petición propia no pleno do parlamento da Galiza (Foto: Nós Diario)..
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

O Parlamento da Galiza aprobou esta cuarta feira cos únicos votos favorábeis do PP instar a Xunta da Galiza a demandar do Goberno español o impulso das modificacións legais oportunas para permitir que o novo réxime de xubilación activa para médicos de familia e pediatras de Atención Primaria poida aplicarse até os 72 anos.

A Cámara validaba así a proposta expresada hai uns días polo conselleiro de Sanidade para combater a falta de persoal médico no sistema sanitario galego. Nin o BNG nin o PSdeG apoiaron a proposición non de lei defendida polos populares, os únicos que votaron finalmente a favor da mesma. A formación nacionalista votou en contra e a socialista abstívose.

Coincidiron o BNG e o PSdeG en que esta "ocorrencia" non ía servir para solucionar os "graves" problemas "de fondo" da sanidade galega. Pola contra, para o PP a prolongación do servizo activo de especialistas en exercicio constitúe "unha solución inmediata", ao tempo que acusaba o Goberno español da falta de profesionais na sanidade galega.

Colapso da Primaria

O Parlamento foi esta cuarta feira escenario de diversas proposicións e preguntas sobre a situación sanitaria. Montse Prado (BNG), denunciou na Cámara o proceso "de precarización prolongada da sanidade pública galega e, en concreto, da Atención Primaria" con, dixo, "até 2.339 millóns de euros sen investir nesta área desde 2009".

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, acusou o nacionalismo de "querer construír un relato que criminalice a Xunta".

Un mapa de incidencias

Durante a sesión, o BNG defendeu varias interpelacións en materia de sanidade: polo retorno do servizo de Urxencias e unha ambulancia de reforzo para a Casa do Mar en Moaña -para o que a Xunta se volveu negar-, demandando a cobertura para cubrir a praza de persoal médico que recortou en Corrubedo (Ribeira), e reclamando que a Xunta garanta a pediatría na comarca de Verín.

Comentarios