A Oficina do Censo ve unha suba de residentes maior da esperada en Castrelo de Miño

O BNG e o PSdeG alertan dunha alteración deliberada para as eleccións.
Unha das casas en que se realizaron os empadroamentos de Castrelo de Miño denunciados pola oposición. (Foto: PSdeG)
photo_camera Unha das casas en que se realizaron os empadroamentos de Castrelo de Miño denunciados pola oposición. (Foto: Nós Diario)

A Oficina do Censo Electoral comunicou esta cuarta feira de maneira oficial ao BNG que observou un "incremento superior ao que cabería esperar" do censo de Castrelo de Miño. Esta observación responde á reclamación realizada polo portavoz municipal do BNG desa localidade, Esteban Suárez.

No documento enviado pola delegación provincial da Oficina do Censo Electoral, sinálase que "ao analizar a evolución do número de electores nacionais residentes no municipio de Castrelo de Miño, referidos ao Censo Electoral fechado ao 1 de decembro de 2022" e tras aplicar "programas informáticos" o resultado foi que se obtivo "un incremento superior ao que cabería esperar da evolución experimentada nos meses anteriores".

Por este motivo desde este organismo "con data 12 de xaneiro de 2023 requiríronse informes explicativos deste Concello". Malia esta petición, o censo electoral sinala que "a día de hoxe non se obtivo resposta" por parte do Concello a esta petición. 

"Inflar" o censo

O BNG e o PSdeG denunciaron a semana pasada "empadroamentos masivos" por parte do Goberno local (PP) co obxectivo de beneficiarse nas eleccións do mes de maio. Algúns destes empadroamentos, aseguran, serían en vivendas de concelleiros do PP.

Desde o BNG sinalan que unha vez finalizadas as investigacións, exixirán onde proceda "o castigo destas presuntas ilegalidades que poden supor a inhabilitación para cargo público do alcalde e concelleiros do equipo de goberno".

Lembran desde a formación  nacionalista que o alcalde deste municipio, Avelino Pazos (PP), "non tivo ningún tipo de reparo en afirmar que foron eles os responsábeis deste aumento irregular do censo". Pazos dixera a semana pasada que a suba de residentes foi polas políticas para evitar a perda poboacional.

Comentarios