O PSdeG critica o despedimento de 800 docentes e o PP gábase de "protexer á comunidade educativa"

A popular Paula Prado insta o Estado a destinar cartos para reforzar o cadro de persoal, mentres Gonzalo Caballero pide á Xunta "non cometer máis erros". A Galiza, con todo, ten menos docentes que en 2009, segundo a CIG-Ensino.
Concentración de Anpas Galegas e CIG-Ensino contra os recortes de Educación (Foto: Arxina).
photo_camera Concentración de Anpas Galegas e CIG-Ensino contra os recortes de Educación (Foto: Arxina).

O portavoz do PSdeG no Parlamento da Galiza, Gonzalo Caballero, denunciou esta segunda feira en rolda de prensa que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "botou á rúa" aos 800 docentes contratados o curso pasado para reforzar a educación por mor da pandemia.

"Agora non foron contratados, esa é a maior responsabilidade que ten Feixoo, e quero dicirlle que aínda está a tempo de volver contratar os centos de profesores e profesoras de reforzo que son precisas porque os contaxios nas aulas seguirán estando moi presentes", concretou.

Neste senso, incidiu en que "non se poden seguir a cometer erros". "A mellor decisión da Xunta é contratar máis profesionais de reforzo para cubrir baixas e ter grupos con menos interacción para evitar que os contaxios se estendan", engadiu.

Pola súa banda, a viceportavoz do PPdeG na Cámara, Paula Prado, salientou que hoxe hai na Galiza "máis profesorado" contratado que na época anterior á irrupción da Covid-19.

"En calquera caso -dixo Prado-, a Xunta está a traballar todos os días para protexer á comunidade educativa", tanto o profesorado como o alumnado, a través de medidas como a campaña de vacinación.

Para a popular, "cómpre felicitarse" de que nos centros de ensino o comportamento teña sido "exemplar" e "non houbese apenas gromos".

No que atinxe aos reforzos, responsabilizou o Goberno estatal: "Non hai unha incidencia maior. Hai máis docentes que o ano anterior e estaría ben que o Goberno enviase cartos para enfrontar estas situacións; polo de agora, non o fixo".

A respecto das cifras que ofreceu Prado, cómpre salientar un recente estudo da CIG-Ensino no que evidencia que, se ben no curso actual hai 482 mestres e mestras máis que en 2019, a cifra total, 30.424, segue a ser inferior á de 2009, cando o PP accedeu ao goberno: 30.439.

Comentarios