25-X | DÍA DA PATRIA GALEGA

O PCRG mobilízase na capital para reivindicar a "construción da República Galega"

"Somos o Partido como suma de vontades que dicía Lenin, sen sectarismos nin corporativismos, simplemente o lugar no que nos atopamos, a ferramenta que precisamos", enxalzou Laura Reigía.
Manifestación convocada polo PCRG.
photo_camera Manifestación convocada polo PCRG.

Por segundo ano consecutivo desde o seu nacemento no Nadal de 2021, o Partido Comunista pola República Galega (PCRG) volveu mobilizarse neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, perante a manifestación convocada con saída ás 13 horas da Alameda de Santiago de Compostela. A marcha percorreu a zona vella da capital galega até desembocar na praza de Cervantes, onde a sindicalista Encarnación Cati Martínez Collazo presentou o acto político do PCRG, que contou coas intervencións de Abraám Alonso e Laura Reigía.

Máis dun cento de persoas "procedentes de distintas tradicións políticas e de distintos ámbitos da loita obreira", salientaron desde a organización, participaron da manifestación, feito que foi destacado por Reigía: "Este é un lugar de encontro para militantes procedentes de diversas correntes e experiencias previas, no que nos atopamos tamén con militantes que levaban anos fóra do comunismo organizado e con traballadores e estudantes que viven no PCRG a súa primeira experiencia militante".

Laura Reigía reivindicou esta formación como "o Partido como suma de vontades que dicía Lenin, sen sectarismos nin corporativismos, simplemente o lugar no que nos atopamos, a ferramenta que precisamos". Abraám Alonso, pola súa parte, tamén destacou o traballo de "reagrupamento dos comunistas e independentistas que de xeito tanto individual como organizado andaban e andan espallados polo país".

Ambos os intervintes sinalaron a "importancia" das folgas do metal deste curso político en Ourense e Pontevedra, así como doutras loitas obreiras como as encabezadas polas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, "como exemplos do marco galego de loita de clases que informa a nosa realidade nacional" e como "orgullo de coherencia obreira e combatividade para dobregarmos o brazo de ferro da patronal", en palabras de Reigía.

Varios dos sindicalistas e traballadores que participaron nestes conflitos estiveron presentes na manifestación, e para eles houbo palabras de recoñecemento, así como de solidariedade cara os represaliados. Finalmente, tanto Alonso como Reigía fixeron referencia á necesidade dun "liderado da clase obreira no proceso de emancipación nacional e de construción da República Galega".

"Somos esa maioría social que conformamos a clase traballadora o único suxeito quen de liberar as nacións oprimidas, de rematar coa discriminación padecida polas mulleres, de colocar a razón e as necesidades da maioría a dirixir a sociedade", proclamou Alonso.

Laura Reigía, pola súa parte, defendeu que "no sindicato, na asociación de veciños, no movemento estudantil, en todos os espazos obreiros de impugnación do Réxime, aí está e aí debe estar o Partido". "Non é un camiño doado de emprender, porque vai contra o vento e a marea insuflados polo sistema, que nos quere derrotados, desartellados, enfrontados e débiles, xestionando as migallas. Pero tranquilízame saber, e comprobar cada día, que temos vontade de vitoria. E non só vontade, certeza. Sabemos que dotar a nosa clase desta ferramenta será a vía da nosa emancipación", engadiu.

A Internacional e o Himno Galego puxeron o broche final á manifestación, que sería continuada por un xantar de confraternización no Hotel Santiago Apóstolo da capital galega.

Comentarios