O MGS aproba na I Asemblea constituírse como partido e apostar polo BNG como referente único

Reforzar o BNG saído da XIII Asemblea Nacional como único referente político nacionalista e de esquerda foi un dos eixos da I Asemblea Nacional do Movemento Galego ao Socialismo (MGS) que vén de decorrer en Compostela o sábado 26 de maio. Aprobaron tamén a constitución como partido.


Mentres o debate político da I Asemblea Nacional do MGS camiñou polo compromiso en reforzar o BNG, a análise das consecuencias da crise para a clase traballadora e o impulso ao seu proxecto soberanista, o organizativo xirou en torno á futura constitución como partido dentro da fronte nacionalista. O MGS porá en marcha o proceso para a súa legalización como partido político e a súa constitución oficial como corrente organizada no BNG.

Para alén de aprobar os seus estatutos, da primeira asemblea celebrada polo MGS sae unha nova dirección política artellada por medio dunha Mesa Nacional da que forman parte Xaquín Agulla, Paula Castro, Héctor López de Castro, Antolín Fernández, Inácio Pavón, Pilar Rodríguez, Noa Presas, Diego Santorio, Pilar Tubío, Xosé Emilio Vicente e Rafa Villar. Completarán o organismo de dirección representantes das comarcas, da organización xuvenil Isca e tamén das comisións sectoriais nacionais.

Ao longo de toda a xornada de debate, o MGS analizou a situación do movemento nacionalista e acordou “reforzar o BNG como único referente político” ao tempo que manifestaba a súa posición soberanista en superación dunha “vía autonomista esgotada”. Defenderon tamén a “estreita ligazón entre a alternativa anticapitalista e a loita pola soberanía política” para o que mostraron o compromiso á hora de fortalecer o sindicalismo nacionalista e “a autoorganización do pobo galego en todos os ámbitos, no camiño dunha sociedade consciente e dona do seu destino”.

O portavoz do BNG, Guillerme Vázquez participou na xornada de clausura cun discurso en que destacou o traballo, compromiso e lealdade do MGS co BNG. Criticou Vázquez as políticas neoliberais e reclamou medidas contra os responsábeis políticos da crise que se está a padecer. Aproveitou Guillerme Vázquez tamén para defender o proxecto de banca pública polo que o BNG está a desenvolver unha campaña.

Rafa Villar, membro da executiva do BNG, en representación da Mesa Nacional do MGS, Noa Presas, membro do Consello Nacional do BNG, e Laura Arjonilla en representación de Isca! interviñeron na clausura da asemblea.

Comentarios