O goberno local da Coruña reduce á metade as axudas para a integración do pobo xitano

Carlos Negreira recorta de forma drástica as partidas para combater o chabolismo en plena vaga de acusacións de racismo polo trato á comunidade nixeriana

Os malos tratos por parte da policía municipal que denunciou hai dúas semanas a comunidade nixeriana da Coruña teñen engadido novos argumentos para os sectores que acusan ao goberno municipal da cidade que encabeza Carlos Negreira, do PP, de prácticas próximas ao racismo.

Agora, novos datos nesa liña volven sinalar ao consistorio herculino, que no último modificativo de crédito recortou nun 44 por cento partidas destinadas á integración do pobo xitano e á erradicación do chabolismo. 

Segundo denunciou María Xosé Bravo, concelleira do BNG, esta redución prodúcese ademais cando o “goberno municipal só conseguiu realoxar a dúas familias e non cinco como alardea, da Ponte da Pasaxe, tal e como confirmaron os colectivos que traballan a prol da integración da comunidade xitana”. 

“Cando un recorta o orzamento, ten que mandar varios coches da policía ao poboado precario da Pasaxe para tratar de resolver o que ten que resolver Servizos Sociais e non as forzas de seguridade”, afirmou a concelleira nacionalista, que tamén criticou o feito de que Negreira aprobase a retallada de “62.500 euros da partida inicial de 95.000 euros para o convenio coa fundación Secretariado Xitano para a xestión dun programa de inserción social básica e de acceso ao emprego”. 

“Por segundo ano consecutivo o nivel de execución da partida destinada á erradicación do chabolismo vai ser cero. Nos orzamentos do ano 2012 había unha partida de 160.000 euros que non se chegou a executar”, engadiu Bravo.

Comentarios