O goberno español quere impedir que os concellos manteñan a 'paga extra'

O secretario xeral de Coordinación autonómica e local fixo pública unha nota informativa pola que lembra ás corporacións locais a súa obriga de reduciren a paga extraordinaria d@s traballador@s públic@s correspondente ao mes de decembro e asegura, impugnará calquera acto encamiñado a compensar a devandita supresión.

Nunha nota enviada a diversas corporacións municipais feita pública a través da web do ministerio de Facenda, o goberno español informa as administracións locais da obrigatoriedade de cumpriren co disposto no decreto 20/2012 polo que se estabelece a redución das retribucións anuais para persoal ao servizo do sector público.

De acordo co disposto na nota publicada pola secretaría xeral de Coordinación autonómica e local, Enrique Ossorio Crespo (secretario xeral) exixe aos concellos o cumprimento dunha tripla obriga: suprimir a 'paga extraordinaria' e os pagamentos adicionais de complemento de destino correspondentes ao mes de decembro; a redución das retribucións anuais previstas no correspondente aos devantitos pagamentos e que os importes que perciban neste ano non superen en homoxeneidade os aboados en 2011.

Así mesmo, o ministerio de Facenda asevera na misiva que "a adopción de actos ou acordos" aprobados para transferiren crédito desde outros capítulos orzamentarios co obxectivo de garantir o mantemento do poder adquisitivo do persoal público "poderán ser obxecto de impugnación", asegura o secretario xeral, por os considerar actos contrarios ao ordenamento xurídico vixente.

O goberno español, pretende deste xeito cortar o paso a calquera medida que teña por obxecto procurar a compensación da devandita paga. Xa que logo, impugnará calquera vía --a priori legal-- que fose empregada polas administracións locais para compensar @s empregad@s públic@s a redución do seu poder adquisitivo imposta polo goberno de Mariano Rajoy.

 O BNG levou adiante a proposta desde xullo

O pasado 28 de xullo o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acompañado por diversos cargos institucionais, deputad@s parlamentares e voceir@s municipais, anunciaba o mantemento das retribucións para traballador@s do sector público "alí onde teñamos competencias para facelo", aseguraba. Deste xeito, concellos como o de Riotorto, aprobaron no pleno municipal a exploración das vías legais que permitan manter "un nivel de vida digno para @s empregad@s municipais", aseguraba o seu alcalde, Federico Gutiérrez. Aliás, o pleno do concello de Vigo aprobou esta segunda "compensar os seus empregados" pola supresión da paga extraordinaria, apoiando a moción presentada polo grupo municipal do BNG. Malia recibiren a nota do ministerio de Facenda, as corporacións municipais continuarán coa iniciativa pola vía 'estritamente legal'. 

Porén, o goberno español procurará invalidar calquera intento de insubmisión por parte das corporacións municpais.

Comentarios