O goberno español aproba as súas medidas entre duras críticas da oposición

Na sesión parlamentar desenvolvida a pasada quinta no Congreso d@s deputad@s, Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera interviron para amosaren a oposición do BNG ás políticas do goberno español. O executivo segue adiante coa política de decretos entre duras críticas da oposición. Esta sexta, un novo Consello de Ministr@s achegará máis un paquete de propostas do goberno de Rajoy.

Na sesión parlamentar en que se debatía a prórroga do Plan Prepara, a ministra de Emprego, Fátima Báñez, atopouse coa oposición da maior parte dos grupos parlamentarios. Pola súa banda, a deputada polo BNG, Olaia Fernández Dávila opúxose á súa aprobación por non constituír unha "proposta estábel" que manteña unha prestación indefinida para @s desempregad@s de longa duración. Segundo a nacionalista, o programa presentado pola ministra de emprego, Fátima Báñez, incorpora maiores restricións no acceso á axuda do que os plans anteriormente aprobados, o que impedirá a moitas persoas acceder a el malia o precisaren. Aliás, sinalou que a lei de aluguer que o goberno de Mariano Rajoy pretende aprobar, fará que moitas familias que non poden pagar unha vivenda fiquen desafiuzadas e, ao tempo, sen axuda para a inserción laboral, ao contabilizárense os ingresos familiares entre os novos requirimentos do plan. Olaia Fernández, instou á ministra a ler o informe emistido pola Comisión de Dereitos Sociais e Económicos das Nacións Unidas no que critican con dureza as políticas implementadas polo goberno español no que vai de lexislatura e emprazou a Báñez a rectificar cando afirma que están a traballar a prol da xustiza social pois "a redución das prestacións, o incremento da pobreza e das desigualdades non é equidade nin xustiza".

Pola súa banda, Francisco Jorquera, candidato nacionalista á presidencia da Xunta de Galiza, interviu na sesión parlamentar para debater o decreto de reforma económica aprobado polo executivo español. Na súa interpelación, Jorquera denunciou a perda de "autonomía financeira" que esta medida supón para Galiza. Aliás aseverou que as políticas implementadas polo Partido Popular "sérvense da crise para impor o seu modelo económico" baseado en medidas antisociais, menos democracia e máis centralismo. Tamén así, o candidato nacionalista debullou as propostas do BNG para mellorar a realidade económica de Galiza, permitíndolle ter maior solvencia e investir en servizos sociais a través dunha reforma fiscal integral e a creación dunha banca pública galega.
Na súa intervención, Jorquera Caselas aconsellou ao goberno español mudar de camiño pois asegurou, de non facelo "atoparanse co clamor dos pobos e das nacións do Estado" como aconteceu a pasada terza en Catalunya.

Denuncian censura na televisión pública de Galiza

A directora da campaña electoral do BNG, Montse Prado, denunciou esta sexta a "manipulación informativa" na TVG pois, segundo afirma, "censurou a intervención de Francisco Jorquera" no Congreso d@s deputad@s. Prado criticou con dureza o que considera unha "estratexia" encamiñada a ocultar o pluralismo político no país. A directora da campaña electoral d@s nacionalistas asegurou que a canle pública reducira á mínima expresión a intervención do deputado galego nas Cortes españolas. No entanto, Montse Prado aclarou que a súa denuncia non ía dirixida @s traballador@s da TVG senón "aos seus cadros directivos que son os que materializan a estratexia de comunicación que lles vén marcada polo PP"

"Máis apoio á frota galega e menos laios"
A deputada parlamentar do BNG no Congreso d@s deputad@s, Olaia Fernández Davila demandou ao ministro de agricultura e pesca, Miguel Arias Cañete, "que exerza unha presión maior na UE para que se proceda á revisión do Acordo de Pesca con Mauritania" en troca de ir sempre á Cámara "a laiarse do que se aproba na UE" mais sen facer nada para solucionar os problemas da Galiza.
Fenández Davila, exixiu ao goberno español facer "máis presión na UE para que se proceda á revisión do Acordo de Pesca con Mauritania" que deixa fóra a frota galega do acordo e lembroulle ao ministro que existen moitas zonas mariñeiras gravemente afectadas pola política do goberno.
Aliás, a deputada nacionalista demandou ao minitro Cañete, axudas para a frota cefalopodeira galega e emprazouno a facerse valer e exixr á UE que revise o Acordo.

Comentarios