Xavier Campos, responsábel de Comunicación do Bloque

"O novo logo mostra un BNG aberto e ambicioso"

Aos seus 39 anos, Xavier Campos é o responsábel de Comunicación do BNG non en calquera tempo, senón nun tempo de mudanzas que desde Rodríguez de Viguri, a sede nacinal da formación frontista, se pretenden profundas. Tanto que o Bloque muda de logo por vez primeira en tres décadas. Na entrevista política do Sermos248, xa na rúa, Campos debulla as chaves da mudanza. Eis un extracto da conversa.

Xavier Campos, entrevista co novo logo do BNG, 30 de maio de 2017
photo_camera Xavier Campos mostra o novo logo do Bloque

-Acabades de apresentar o novo logo do BNG. Que queredes comunicar con el á sociedade galega?

-A mudanza o que procura é transmitir a idea de que estamos nunha nova etapa e por iso conscientemente apostamos nun logo que fose recoñecíbel na traxectoria do BNG, que a xente ao velo recoñecese a marca do Bloque, mais que ao mesmo tempo fose un logotipo novo. Non quixemos unha simples actualizacións e si un logotipo novo. O que transmite é ese equilibrio, de etapa nova, mantendo ao mesmo tempo o mellor da nosa traxectoria e do noso pasado.

-Imaxino certo nervosismo perante a recepción social que poda haber...

-Hai curiosidade por saber que tipo de recepción vai ter. En xeral pensamos que é un logotipo que vai gustar, pero si que hai certa expectación por ver como é recibido tanto na propia militancia, no corpo social do nacionalismo, mais tamén fóra, na medida en que imos a este novo logotipo por unha decisión política de remarcar que estamos nunha etapa diferente do Bloque.

-Na concepción do logo que houbo máis, debate técnico ou político?

7-Houbo ambos, mais foi relativamente sinxelo chegar a un acordo na cuestión dos valores que se querían transmitir. Nos criterios -que fose recoñecíbel e marcase claramente un tempo novo- estabamos claramente de acordo, logo na parte técnica fixemos algunhas valoracións e tomamos algunhas decisións, mais a verdade é que foi un proceso rápido e mesmo surprendentemente moi unánime.

-E os trazos básicos do logo como os definirías?

-É un logotipo que busca transmitir modernidade e actualidade, un logo de trazos sinxelos, simples, con novidades como é fundamental a asunción das minúsculas, como unha forma de transmitir proximidade e cercanía á propia sociedade. E despois é limpo, transparente, ordenado. Comunica esas ideas que trasladamos continuamente nos materiais que facemos para reforzar esa sensación de tempo novo.

[A íntegra da entrevista aparece no Sermos248, xa na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

Comentarios