Lilith Verstrynge abandona o Congreso e as súas responsabilidades en Podemos

A súa renuncia dá unha acta máis a Sumar en detrimento de Podemos, que está no Grupo Mixto.
A até o de agora deputada de Podemos Lilith Verstrynge. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera A até o de agora deputada de Podemos Lilith Verstrynge. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

A secretaria de Organización de Podemos, Lilith Verstrynge, anunciou esta sexta feira que deixa as súas responsabilidades políticas no partido e mais a súa acta de deputada no Congreso. Así o avanzou mediante unha mensaxe na rede social a até o de agora parlamentaria no Grupo Mixto, unha mensaxe na que apunta que as despedidas son "difíciles e tristes" e agradece a confianza que a militancia de Podemos depositou nela.

A líder de Podemos, Ione Belarra, foi a primeira en reaccionar ante a noticia. "Agora o fundamental é que te coides e que esteas ben", díxolle a Verstrynge, asegurando que o partido morado "sempre será" a súa "casa". "Grazas por tantísimo traballo en condicións tan difíciles", engadiu Belarra na mesma rede social

Na mesma liña pronunciouse a ex ministra de Igualdade Irene Montero: "A prioridade agora es ti", sostivo. "Querémoste e seguiremos camiñando xuntas", escribiu. Desta forma, ambas as dirixentes parecen apuntar a un motivo de saúde como motivo da baixa de Verstrynge.

Un escano menos para Podemos que recupera Sumar

A renuncia de Verstrynge suporá reducir a catro escanos a representación de Podemos no Congreso, que rompeu con Sumar a finais de decembro para ir ao Grupo Mixto, e abre a porta a que a formación que lidera Yolanda Díaz gañe un deputado, co que pasaría de 26 a 27.

Lilith Verstrynge concorreu na lista de Sumar por Barcelona, que logrou cinco representantes por esta circunscrición. A seguinte na lista é Candela López, vinculada aos 'comuns', quen, de feito, forma parte da dirección provisional de Sumar.

A xa ex deputada formaba parte do núcleo duro da dirección morada desde a última asemblea cidadá de 2021, cando a líder do partido elixiuna como a súa 'número tres' e responsábel de Organización, un dos postos máis sensíbeis na formación.

Durante a súa etapa en Podemos tamén foi secretaria de Estado de Axenda 2030 e tivo un papel destacado tanto na negociación para a coalición de esquerdas 'Por Andalucía' nas últimas eleccións autonómicas, como na negociación entre Podemos e Sumar para concorrer xuntos nos comicios estatais do 23 de xullo.

Con todo, os fortes desencontros entre os morados e a formación de Díaz derivaron na decisión da Executiva de Podemos de abandonar o grupo plurinacional e pasar ao Mixto.

Comentarios