Novas adhesións á marcha do 25 de xullo

Cerna. Agora Galiza, Colectivo Nacionalista de Marín e Coalición Galega súmanse á mobilización nacional do sábado. 

Bandeira galega co escudo deseñado por Castelao
photo_camera Bandeira galega co escudo deseñado por Castelao

A manifestación do 25 de Xullo que decorrerá sob o lema 'A Nación galega' segue a sumar adhesións. Cerna, Coalición Galega e Colectivo Nacionalista de Marín súmanse a unha marcha que xa conta co apoio de BNG, Compromiso por Galicia ou da comisión promotora do bloque independentista. 

Cerna chama a "ceder o protagonismo á cidadadanía"

Cerna acordou "contribuír e impulsar un auténtico “Día da Patria” non patrimonializado" e no que se reivindique "o dereito democrático radical de Galiza a decidir". Apoian a mobilización do 25X e parabenizan as persoas promotoras da iniciativa "por asumir que o 25 de xullo é o día do pobo galego, da cidadanía, de todas e todos".

O Bloque independentista participará na mobilización

A comisión promotora do 'bloque independentista' decidiu adherir á mobilización unitaria do 25 de xullo. Baixo a lenda 'Pola rutura democrática. Pola independência nacional', o cortexo marchará cunha imaxe de Moncho Reboiras presidindo e identificando a mobilización. No campo do independentismo, Agora Galiza tamén sinalou a súa adhesión.

Coalición Galega chama a “antepoñer o sentido de responsabilidade” 

Coalición Galega anunciou tamén que participará na mobilización do 25X e pide a todos os simpatizantes, militantes e galeguistas “que se sumen a esa convocatoria para así realizar a máis importante manifestación de unidade galega a prol de “procurarmos as ferramentas necesarias que nos permitan decidir que queremos ser, que nos posibiliten a construción dun futuro de luz que non hipoteque a mañá de fillos e fillas”. 

Para Coalición Galega, neste momento “danse as condicións necesarias para que se antepoña o sentido de responsabilidade sobre os intereses partidistas”. Segundo a organización galeguista, “están en perigo cousas máis importantes que os meros intereses partidarios”. 

De por parte, Esquerda Unida deu liberdade á súa militancia para participar na manifestación do 25 de xullo, segundo informou a CRTVG, nunha liña semellante á anunciada por Anova-Irmandade Nacionalista hai uns días. 

Comentarios