CENTOS DE PERSOAS FICARON DE Pé E FóRA DO PARANINFO

Nós chama a pedir o voto “até o último minuto” para garantir voz propia para Galiza

Mitin na Coruña nun Paraninfo ateigado até a bandeira, con centos e centos de persoas de pé e no exterior do espazo, e que concluíu con todos e todas en pé e coas mans collidas cantando con Mini e o líder de Nao o himno de campaña 'Nós, un soño necesario'.

[Imaxe: Xurxo Lobato]
photo_camera [Imaxe: Xurxo Lobato]


O Paraninfo da Universidade da Coruña foi o lugar elexido por Nós-Candidatura Galega para pór o ramo á campaña electoral. Un recinto no que non collía unha palla. Ficaron centos e centos de persoas de pé e fóra do auditorio, un auditorio entregado e ilusionado que ovacionou en todo momento ás candidatas. O optimismo, inmune a inquéritos, e a alegría conformaron os bimbios dun dos actos máis intensos e concorridos da campaña. As notas de 'Agora entramos nós', o tema composto por Caxade e Marcos Paino para a candidatura nacionalista, déronlle a benvida ás persoas asistentes e oradoras.

Callón: "Somos garantía de cambio e, ademais, somos o equipo da casa, como antes o foi o BNG"

nos 1Carlos Callón, cabeza da candidatura pola Coruña, tivo no seu discurso mención especial para aquelas persoas indecisas que dubidan entre un voto para mudar o goberno ou un voto para que Galiza teña representación nas Cortes. “Eu dígolles que con Nós-Candidatura Galega poden telo todo, non teñen que renunciar a ningunha das dúas, porque somos garantía de cambio e, ademais, somos o equipo da casa, como antes o foi o BNG”.

Ningunha das outras forzas que concorren a este 20D falou dos problemas e necesidades de Galiza durante esta campaña, dixo Callón, lembrando que a candidatura achegou propostas para os sectores produtivos do país e a mocidade, entre outras cuestións. Reiterou a 'utilidade' da papeleta de Nós: “Porque Galiza terá voz soberana en Madrid e porque representamos un cambio para a maioría social”, berrou Callón ante un público entregado.

[Imaxe: Xurxo Lobato] Nos Callon Vence e JorqueraBipartidismo a catro

Non faltou no mitin a mención ao 'bipartidismo a catro teledirixido', frase que nestas dúas semanas colleu folgos nos discursos e argumentario de Nós. “O 20D queremos ser a voz de todas e todas as que non están dispostos a comprar o paquete electoral do bipartidismo a catro”, indicou Callón.

Rosana Pérez entregoulle a Callón unha carteira do Congreso "chea de Galiza"

Ademais do candidato pola Coruña, o mitin contou coas intervencións, entre outros, de Xavier Vence, Isabel Risco e Xosé Luís Rivas, “Mini”. Rosana Pérez, deputada do BNG en Madrid, abriu o acto cun discurso cargado de enerxía no que reivindicou “o traballo feito coas nosas mans” e no que lle fixo entrega a Callón dunha carteira do Congreso dos Deputados, “a carteira que se entregan os ministros está baleira, mais esta está chea de Galiza”.

nos 5A continuación, Manolo Présas, candidato e mariñeiro do cerco, fixo súa Rosalía para recitar “Adeus peixes, adeus leite” e proclamou: “acórdate do mar cando vaias votar”. Após, a candidata Cristina Bajo encargouse de coller a palabra para reivindicar o papel da muller e para apelar a “soñar cunha Galiza feminista”. “O domingo imos dar a sorpresa”, salientou entre aplausos do público presente no recinto e do que escoitaba desde fóra. “Mini”, candidato ao Senado, aludiu á clase traballadora galega e ás maiorías sociais máis afectadas pola crise, mentres que unha Isabel Risco chea de enerxía reivindicou a candidatura de país que representa Nós.nos isa

Vence: "Para novos, Nós"

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, apelou a defender en Madrid "o noso futuro con xustiza e en paz". "Precisamos a forza de Nós para defender Galiza, as nosas xentes machacadas polas políticas do PP", afirmou Vence, quen berrou: "non vos equivoquedes. Para novos, Nós, para creativos, Nós, para sociais, Nós, para feministas, Nós, para ecoloxistas, Nós, para solidarios, Nós e, desde logo, para galegos e galegas, Nós", berrou un Vence que sinalou que "o novo" non ten que vir das forzas estatais.

"Daremos a badalada", preveu o portavoz do BNG, quen rematou cun "Viva Galiza Ceibe", coreado polo público. Tamén tomou a palabra o gandeiro Suso Caínzos, quen insistiu en que o cambio non virá da Complutense e quen reclamou votar Nós "por un prezo xusto".

Nnos 4o acto no Paraninfo da UDC estiveron presentes os portavoces das formacións que conforman a coligazón (BNG, FOGA, Partido Galeguista, CG e o PCPG). O feche de campaña de Nós finalizou con toda a xente que enchía até o mínimo recuncho en pé e unida polas mans, acompañando Mini, Navia Rivas e o líder da banda Nao, Jasper, cantando o himno de campaña “Nós, o soño necesario”.

[As imaxes desta crónica son de Xurxo Lobato]

Comentarios