Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?
O pobo galego xógase figurar como tal no parlamento español e, polo tanto, que se teña en conta a Galiza como país en pé de igualdade con Catalunya e o País Vasco.
Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?
Negativa. Galiza non tivo representación. Non é igual "estar alí" que conseguir cousas para o país. Lembremos que os últimos orzamentos reduciron o investimento para Galiza nun 19%, deixándoo en 757 millóns, cando se incrementou para outras comunidades como Catalunya nun 51% ou Andalucía nun 43%.
Galiza non tivo representación
Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?
Cando hai moitas problemáticas é difícil escoller tres, pero dado que é o me pide, direi, en referencia ao emprego: o sector naval, Alcoa, Ferroatántica, Poligal.
En infraestruturas: as terrestres (transferencia da autoestrada, vertebración do país, conexión co corredor atlántico), en portos (unha única autoridade portuaria). e tren (AVE e trens modernos de proximidade).
En canto ás leis: reformas da LOMCE e a lei laboral, e abolición da lei mordaza.
Que parlamentar sería referente para o seu labor no Congreso?
Non hai unha deputada ou un deputado a elixir. O referente é a acción parlamentaria que desenvolven conseguindo cousas para a xente que representan. Como exemplo, a recente transferencia das autoestradas para o País Vasco.
Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?
Calquera das tres citadas segundo a dinámica parlamentaria, aínda que Alcoa, Poligal e a deslocalización de empresas sexan casos urxentes.
O 40% de indecisos que amosan as enquisas fan que as opcións estean abertas
Como ve as opcións de Compromiso por Galicia na cita electoral?
Nesta elección, como pasa sempre, percíbese que o que se elixe é o presidente do goberno, e aínda que ese vai a ser o resultado, non é así. En consecuencia, as opcións novas e non estatais, como é Compromiso, non se teñen en conta polos medios de comunicación e por forzas políticas estatais, e polas antigas do mesmo campo electoral. O 40% de indecisos que amosan as enquisas fan que as opcións estean abertas.