SUSO DíAZ/ENTREVISTAS ARREDOR DA UNIDADE

“Se non logramos unha candidatura unitaria galega, a decepción vai ser tremenda”

O ex-secretario xeral de CCOO-Galiza e membro da coordinadora de Iniciativa pola Unión recoñece ser optimista cara á confluencia para as xerais. “Ao Encontro por unha marea galega propuxémoslle matrimonio", comenta retranqueiro, "se non aceptan, podemos ser bos amigos e actuar como tal: pulando na mesma dirección".

suso diaz
photo_camera Suso Díaz

- Á vista das últimas novas relativas a acordos ou pre-acordos entre algunhas forzas políticas ás portas das Xerais, está todo o peixe vendido?

- Nin moito menos. Creo que nas forzas de esquerda de Galiza hai sentido común e por iso a aposta é na candidatura unitaria galega sen exclusións. Non ten sentido ningún deixar fóra a forzas como o BNG, desde logo. E eu creo que estamos a ponto de conseguir esa candidatura unitaria. Desde Iniciativa pola Unión imos presionar democraticamente con toda a nosa ilusión e forza para conseguilo: unha candidatura unitaria galega que logre ese grupo parlamentar que colabore con outras forzas para acadar un gran cambio no Estado.

- Vese que ten confianza en que vai haber unha candidatura unitaria galega. Cales son as razóns desa confianza?

- Entre as forzas de esquerda, e á marxe de que unhas sexan nacionalistas e outras non, debería ser fácil poñerse de acordo nun programa en común pensado para a maioría social e para este país. Creo que poñerse de acordo debería ser relativamente sinxelo. Hai moito interese por parte de certos poderes políticos, económicos e mediáticos en que non se logre un acordo e non haxa esa candidatura. Eses poderes, precisamente, saben ben a forza dunha candidatura unitaria galega. Por iso me molesta que desde a esquerda en Galiza, sabendo isto, non se estea a facer toda a forza posíbel por centrarnos no importante, na nosa unidade.

“Nós xa propuxemos matrimonio ao Encontro, mais se non queren, non pasa nada, podemos ser moi bos amigos e actuar como tales, pulando na mesma dirección”

- É optimista sobre o final do proceso, logo

- Un sindicalista ten que ser optimista (ri). Non pode presentarse un perante unha asemblea de traballadores cunha actitude de derrotismo! Si, son optimista. Este domingo hai convocado un gran encontro en Compostela para que participe todo aquel que aposte nesa unidade, desde organizacións políticas a movementos sociais, colectivos ou persoas individuais. É un encontro aberto e desde Iniciativa facemos un chamamento a que asistan todos os interesados. Tamén vai estar o Encontro por unha marea galega. Temos que ter claro que a unidade popular é unha demanda da maioría da cidadanía e ninguén está lexitimado para, por cuestións menores, impedir que calle esa unidade.

Tamén penso que as dúas plataformas existentes [Iniciativa pola Unión e Encontro cidadán por unha marea galega] deberiamos unirnos nunha soa. Nós xa propuxemos, por dicilo así, matrimonio ao Encontro (ri), mais se non queren casar, non pasa nada, podemos ser moi bos amigos e actuar como tales, pulando na mesma dirección.

- Moita xente non acaba de entender que haxa 2 iniciativas pedindo practicamente o mesmo e que non acaben por confluír. Non é o mellor escenario desde o que demandar unha candidatura unitaria...

- Hai uns días acudimos a un debate en Guitiriz representantes de Iniciativa e do Encontro e a xente reprochábanos precisamente iso, non entendía que non houbese esa unidade. Preguntábanos por que non confluíamos se estabamos a defender o mesmo. Hai voces que veñen dicir, creo que interesadamente, que nós (Iniciativa pola Unión) vimos sendo pouco menos que unha correa de transmisión do BNG (ri). E diso nada de nada, somos persoas que actuamos en base ao noso criterio, libremente, e o Encontro cidadá fai o mesmo. Non estamos aquí, nestas plataformas, para actuar por criterios partidistas.

“Ter un grupo parlamentar galego e soberano non é para nada incompatíbel con pular por un cambio de réxime, todo o contrario, favorece ese cambio!”

- Tanto Iniciativa no manifesto como o Encontro nos seus estatutos falan dun grupo parlamentar galego. Mais hai sectores que consideran que para unha candidatura unitaria o grupo parlamentar non é o importante, senón que o importante é sumar para o cambio de réxime..

- Ter un grupo parlamentar galego e soberano non é para nada incompatíbel con pular por un cambio de réxime, todo o contrario, favorece ese cambio! A ver, que eu son de IU, do PCG, non son nacionalista, sitúome no federalismo ou confederalismo, pero ese é outro debate. Non se pode pedir a un nacionalista que a candidatura galega acabe integrándose no Congreso nun grupo parlamentar estatal, por exemplo o de IU. O grupo parlamentar galego é o espazo, o punto de encontro para esa candidatura unitaria, conformada por nacionalistas e non nacionalistas. E ese grupo soberano galego no Congreso claro que non é incompatíbel con favorecer un cambio de réxime, todo o contrario, é ao revés, favorece ese cambio.

Estas son as eleccións xerais máis importantes desde a Transición. Concordo plenamente con Alberto Garzón (IU) cando di que nestes comicios non nos xogamos as eleccións, senón as futuras xeracións. E si que creo que para esa cita tan importante debemos ir desde Galiza nunha candidatura unitaria galega. Se non logramos facer unha, as consecuencias van ser desastrosas entre a cidadanía máis implicada e os movementos sociais. Se non hai esa candidatura vai ser unha decepción tremenda.

“Catalunya, como Galiza, debe de ter o dereito a decidir que quere facer co seu futuro como país”

- Que opinión ten do que está a vivirse en Catalunya?

- Catalunya, como Galiza, debe de ter o dereito a decidir que quere facer co seu futuro como país. E a cerrazón do Estado español, do PP, as súas ameazas, non son a mellor resposta a ese dereito. Estamos perante un conflito político e a solución ten que ser política. E nese debate non perdamos de vista Galiza. Onde vai ficar se hai unha reforma da Constitución e perante os cambios de modelo territorial? Que voz vai ter?

Comentarios