Eleccións Europeas 9-X

Pontón agradece o apoio de Anova ao BNG de cara ás eleccións europeas

A portavoz nacional do BNG agradeceu "a altura de miras" de toda a militancia de Anova.
Ana Miranda, Martiño Noriega, Ana Pontón e Xosé Manuel Beiras (Foto: Arxina).
photo_camera Ana Miranda, Martiño Noriega, Ana Pontón e Xosé Manuel Beiras (Foto: Arxina).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, agradeceu o apoio de Anova á candidatura da formación nacionalista ás eleccións europeas, un apoio que fortalece "un espazo en defensa da Galiza, en defensa dos dereitos e das liberdades e en defensa doutra Europa posíbel".

Este apoio foi selado esta segunda feira nun acto no que participaron os dirixentes de Anova, Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, e a cabeza de lista do BNG nas eleccións europeas, Ana Miranda. Neste sentido, Pontón agradeceu "a altura de miras" de toda a militancia de Anova.

Ademais, exemplificou esta "altura de miras" en Beiras e Noriega, cun apoio ante uns comicios que considerou "claves para a Galiza" e nos que o BNG quere reforzar un escano galego “que non só representa unha organización, senón que representa un país".

A portavoz nacional puxo en valor deste modo a voz do BNG en Europa que non só é a de todos os galegos e as galegas, senón tamén a que traballa "en favor das maiorías sociais e que quere contribuír a construír esa outra Europa posíbel".

"Unha candidatura de país e a favor da maioría social que quere contribuír desde a Galiza a construír esa Europa que se constitúe desde os pobos, desde a defensa da democracia, as liberdades e os dereitos e tamén desde a defensa dun mundo mellor e máis xusto”, afondou.

Neste sentido, salientou o traballo desenvolvido por Ana Miranda ao longo dos últimos anos non só como a persoa que lle deu voz aos intereses dos galegos e das galegas na defensa do país, senón tamén na defensa dun modelo de Europa diferente ao actual.

"É máis importante que nunca tamén ter nas institucións europeas unha voz que defenda esa outra Europa posíbel", afirmou para salientar o papel do BNG na defensa “desa Europa dos pobos fronte á Europa dos Estados e das multinacionais" ou na defensa "dunha Europa social fronte aos recortes que se impuxeron desde as institucións europeas que tanto están socavando os dereitos e a vida das persoas".

A líder nacionalista advertiu da necesidade de articular de igual modo “unha Europa da paz” en confrontación a "esta Europa que está claramente subordinada á OTAN, sendo cómplice do xenocidio con Palestina e que quere alimentar un escenario no que se pon en risco a propia supervivencia da humanidade".

Neste contexto, considerou preciso "responder desde a defensa do propia" nun momento no que hai distintas "emerxencias". A "emerxencia galega" á hora de defender os intereses do país en Europa, a "emerxencia democrática" á hora de frear o auxe da dereita e da extrema dereita e a "emerxencia dos dereitos" dunha cidadanía que necesita "si ou si" voces en Europa que a defendan fronte "á involución que en moitos ámbitos xa está aquí".

Nas mesmas claves se pronunciaron tanto Xosé Manuel Beiras como Martiño Noriega. O primeiro, recordando que a idea fundacional da Unión Europea (UE) pasaba precisamente por construír unha Europa dos pobos, das "comunidades básicas", e non dos Estados. "Esa era a idea orixinaria de Europa que sempre defendeu e defende o BNG", afirmou Beiras.

O segundo, destacando o apoio de Anova á candidatura de país que representa o BNG da man de Ana Miranda, que leva moitos anos sendo a voz dos intereses da Galiza en Europa, mais tamén a voz de todas as causas xustas nun proceso electoral ao que non só se nos convoca como galegos e galegas, senón tamén "como demócratas", indicou Noriega en alusión ao "risco evidente do medre" dunhas dereitas e extremas dereitas que "xa son unha realidade".

Pola súa parte, Miranda tamén agradeceu a "xenerosidade e o sentimento de país" de Anova á hora de apoiar unha candidatura que é "100% galega" e a única que leva os temas galegos á UE. "Se o Bloque non está, se esta candidatura de país non está, non se falará da Galiza", recalcou.

A cabeza de lista da formación nacionalista na eleccións europeas avanzou unha campaña intensa para transmitirlles aos galegos e ás galegas que a do BNG é a "candidatura real", a que "vai defender os seus problemas en Europa", mais tamén a que defenderá "as causas xustas no Parlamento Europeo". 

Neste sentido, Miranda referiuse ao avance da extrema dereita e, en alusión á visita do presidente arxentino, Javier Milei, ao Estado español, emprazou o PP a "non amparar eses que están con estes discursos neofascistas pisando o Estado e atacando principios democráticos e liberdades, pobos, feminismo e moitas cousas, como dixemos alto e claro no Parlamento Europeo", concluíu.

Comentarios