Cales son as demandas que o persoal antiincendios puxo enriba da mesa da conselleira de Medio Rural?

A Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais da Galiza (Apropiga) e a Asociación de Traballadores de Incendios Forestais da Galiza (Atrifoga) mantiveron esta semana unha reunión coa nova responsábel da Consellaría de Medio Rural.
María José Gómez, á esquerda, con representantes sindicais (Foto: Nós Diario).
photo_camera María José Gómez, á esquerda, con representantes sindicais (Foto: Nós Diario).

Representantes da Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais da Galiza (Apropiga) e da Asociación de Traballadores de Incendios Forestais da Galiza (Atrifoga) reuníronse esta mesma semana coa   conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, para trasladarlle as demandas do sector entre as que figuran as listas de contratación e os procesos selectivos así como a ampliación do tempo de traballo do persoal descontinuo e un novo acordo de condicións do persoal.

“Temos unha clara insuficiencia de persoal nas listas de contratación temporal do Servizo de Prevención e defensa contra Incendios Forestais (SPIF), polo cal fai necesaria, ao noso modo de ver, a apertura extraordinaria e urxente destas, dada a exigua cantidade de persoas que actualmente integran estas listas”, aseguran os sindicatos.

Ademais, urxen á Xunta para que “axilice a creación de novas listas de contratación temporal, que actualmente non existen, naquelas categorías de interinidade nas que se realizaron procesos selectivos (convocatorias do ano 2019) coa aplicación da baremación destes procesos”.

Por último, demandan a cobertura de todas as prazas sen ocupante e a convocatoria de procesos selectivos con maior frecuencia dadas as altas taxas de xubilacións no SPIF. 

Máis responsábeis

En relación á segunda das demandas, desde os sindicatos sinalan que tras o anuncio en xaneiro do compromiso de ampliación do tempo de traballo do persoal descontinuo -a razón dun mes por ano até que en 2026 este alcance os nove meses de traballo anuais- así como a súa ratificación posterior no Consello da Xunta, afirman que a Conselleira “non nos confirmou data mais lembrou o compromiso do Presidente”.

Sobre o acordo, o persoal preocupouse por saber “cando sairá publicado no DOG” para poder comezar a negociar o convenio. 

Por último, o persoal de extinción de incendios puxo enriba da mesa a necesidade do sector de contar cun maior número de persoas responsábeis nas brigadas, "para que todos os grupos de traballo conten, tanto en traballos preventivos, como en incendios forestais, con dita figura", ademais de contar cunha maior colaboración nas emerxencias do medio rural.

Comentarios