Néstor Rego reclama prioridade para a alta velocidade entre Vigo e Porto

O obxectivo é completar as obras en 2030
O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, reclamou ao Executivo estatal "prioridade" para a conexión de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto como "está facendo o Goberno portugués" para poder chegar "xuntos" a 2030.

O parlamentario nacionalista aludiu ás declaracións realizadas polo alcalde de Lisboa, Carlos Moedas, nas que criticaba as políticas do Goberno luso por primar as infraestruturas ferroviarias do Eixo Atlántico e apostaba por priorizar a conexión con Madrid.  

Rego destacou que o BNG leva moitos anos reclamando ao Goberno estatal que faga a súa parte da conexión entre Vigo e Porto. "Isto está no acordo de investidura, no que o BNG conseguiu o compromiso do Goberno coa mesma data que o portugués, 2030, para ter conexión directa entre A Coruña e Lisboa", afirmou. 

Así, o deputado emprazou o Executivo de Pedro Sánchez a licitar as obras do tramo Vigo-Valença. "A fronteira galego-portuguesa é a fronteira europea máis permeábel, onde máis persoas circulan diariamente", insistiu Rego.

"Compromiso político"

O vicepresidente de Infraestruturas do Goberno luso, Carlos Fernandes, asegurou hai un ano que agardaba que o AVE entre Portugal e a Galiza estea listo en 2030, pero remarcou que para que iso sexa así é necesario que se defina co Estado español unha "estratexia" e se articule un calendario. "Estamos razoabelmente convencidas as dúas partes (Portugal e España) de que hai un compromiso político para avanzar", afirmou Fernandes sobre a conexión de alta velocidade coa Galiza. Apuntou que nesa estratexia debe figurar a nova ponte sobre o río Miño para poder optar a financiamento. 

Así, Portugal xa ten feitos os estudos ambientais da súa parte, e a súa proposta de localización é a mesma que trazaron nun proxecto inicial hai dez anos, pero que logo quedou "nun caixón" pola crise. 

O Executivo portugués di esperar, unha vez máis, a que o Estado español tamén concrete as súas propostas a respecto da conexión transfronteiriza. Paralelamente, Carlos Fernandes considerou que a saída sur de Vigo é "esencial".  

Comentarios