"Non hai lugar a interpretacións políticas, é un acordo puramente técnico", sinala Néstor Rego desde o Congreso en conversa telefónica con Sermos Galiza. "Non hai dúbida de que politicamente temos poucas afinidades con partidos como Junts ou Más País, pero si tiñamos a oportunidade de mellorar a nosa capacidade operativa e visibilizar Galiza, que é o obxectivo do BNG no Congreso".
Néstor Rego avanza que a Mesa do Congreso debe estudar mañá, sexta feira, a validez dos distintos grupos que se formaron. Di que o Grupo Múltiple cumpre os requisitos esixidos e espera que non haxa impedimento ningún. O deputado nacionalista explica que, dentro desde grupo, o BNG gozará de "máis minutos de intervención nos plenos, porque non é o mesmo repartir entre 11 [as forzas que constituían inicialmente o Grupo Mixto] que entre 4. E ademais disporemos de máis oportunidades para presentar iniciativas, proposicións, interpelacións ou preguntas orais. Tamén poderemos acceder a máis comisións, mesmo ser portavoces nalgunha delas".
A respecto da posibilidade de que o Grupo Mixto se converta, despois da saída de varias formacións cara o Grupo Múltiple e cara o Grupo España Plural, nun espazo máis operativo, Rego non descarta a posibilidade de regresar. "Iso fai parte do acordo con JxCat, Más País e Compromís. O grupo que agora se constitúe pode seguir funcionando coa metade dos deputados segundo o regulamento. Así que veremos como quedan todos os grupos e decidiremos, porque pode pasar que no Mixto fiquen só un par de formacións. Formar grupo daranos máis presenza no Congreso, pero tamén nos pode interesar volver ao Mixto",