“A nación galega”, lema da manifestación pola unidade do 25 de xullo

Sairá ás 12 da Alameda tras unha faixa de cabeceira na que se poderá ler o lema da manifestación: “A nación galega”. Representantes do grupo promotor do “Manifesto pola unidade” convidaron a organizacións, asociacións e a toda a cidadanía a se sumar á convocatoria. 

vintecinco

Unha faixa sen siglas encabezará a manifestación que o vindeiro 25 de xullo partirá da Alameda de Compostela co lema “A nación Galega”. Suso de Toro, Pilar Fernández, Xabier P. DoCampo, Mercedes Queixas, Xosé Manuel Pereiro, Rosa Aneiros, Xurxo Souto e Isabel Kerdudo, representantes do grupo promotor do “Manifesto pola unidade” convocaron en rolda de prensa unha mobilización que nace con vocación de ser “multitudinaria e histórica” e mostrar a vontade de existir da nación galega. 

En rolda de prensa, o grupo impulsor da convocatoria, insistiu na necesidade de que sexa a propia cidadanía a que encabece a manifestación á que convocan a organizacións políticas e sindicais, a asociacións culturais e sociais e a toda aquela persoa "que entenda que a situación require unidade para visibilizar a existencia da nación galega". 

As persoas impulsoras fan o chamado en resposta, segundo fixeron saber, á unha demanda social que reclama unidade neste momento crucial para definir o futuro de Galiza. “Queremos que sexa unha grande festa, que a xente que crea no autogoberno se sume e que todas as organizacións que entendan e formen parte da nación galega participen”, explicou Pilar Fernández, promotora dun manifesto que xa asinaron máis de un milleiro de persoas. 

A cidadanía, protagonista

“A idea nosa é que a cidadanía sexa a protagonista da manifestación. Toda a sociedade temos que reivindicar os nosos dereitos e tamén asumir a responsabilidade que require a situación. Pedimos que a xente sexa consciente e que pense no ben común, que ten que ser un día para todos e todas polo que facemos un chamamento aberto para que tamén as organizacións entendan a súa responsabilidade histórica”, sinalou Fernández. 

Desde a presentación pública fan un chamado a “todas as organización que entendan que somos unha nación e que Galiza ten que existir con voz propia para mostrar a unidade e irmandade á hora de defender os nosos dereitos”. 

Comentarios