PILAR FERNÁNDEZ, IMPULSORA DO MANIFESTO POLA UNIDADE

"Hai boa predisposición a integrarse e moi bo ambiente de cara a un Día da Patria unitario"

A activista Pilar Fernández é unha das impulsoras do manifesto pola unidade “O día da nación galega, o día de tod@s”.

[Imaxe: @pilaraymara] Participantes na reunión
photo_camera [Imaxe: @pilaraymara] Participantes na reunión

Pilar Fernández participou esta terza feira na reunión convocada polas persoas promotoras do chamado con organizacións sociais, políticas e sindicais para conseguir que o Día da Patria deste 2015 sexa o máis plural posíbel. Nesta conversa que mantén con Sermos Galiza a título individual, Pilar Fernández -colaboradora deste xornal- apela, en reiteradas ocasións, á paciencia.  

Como xurdiu a idea de impulsar o manifesto?

O manifesto pola unidade chegou a min vía Suso de Toro e xurdiu pola necesidade de botar a andar unha convocatoria de xente do común, de persoas que queremos unha convocatoria de unidade para o Día da Patria. Na idea desa unidade sumeime ao manifesto. Despois de presenárllelo aos medios, agora toca transmitilo e darlle toda a publicidade posíbel para conseguir unha convocatoria plural, do maior número de cores e con xente do común, que é a que realmente reclama un 25 de xullo de unidade.

Que lectura fai da súa acollida?

Hai moi boa resposta. En dous días, recolléronse máis de 700 sinaturas de persoas de distintos ámbitos sociais. Hai moitas ganas de que aconteza un Día da Patria unitario. O que pedimos agora é que todo o mundo participe e se integre. Atopámonos nun momento moi particular, un momento de efervescencia, de cambios, e é máis preciso que nunca que todo o mundo participe e que a sociedade se conciencie dos cambios que nos veñen enriba. Sempre centrándonos na existencia de Galiza e na importancia que temos como galegos e galegas. Galiza facémola entre todos e todas desde distintos puntos de vista. Todos e cada un de nós ten o dereito e a responsabilidade de reivindicarnos como nación galega.

Que impresión ten da reunión de onte?

Foi organizada polas persoas convocantes do manifesto e aberta a moitas organizacións sociais, políticas e sindicais. Sempre desde o meu punto de vista, hai boa predisposición a integrarse, moi bo ambiente e moi boas intencións. É importante que todo o mundo se integre e participe desa convocatoria e é importante integrar xente sen filiación. Polo de agora non podo dicir máis nada, esperamos ter noticias nestes vindeiros días.

Escocia foi quen de mobilizar a sociedade civil pensando no ben común e foi o caso escocés o que me ratificou na idea da unidade de acción

Como sería para Pilar Fernández un Día da Patria unitario?

Para min sería un día de todos e todas, un día en que todo o mundo saia a rúa a reivindicar que somos unha nación e que Galiza existe. Evidentemente, baixo o meu punto de vista, ten que estar á cabeza a sociedade civil, que debe ter ese papel prioritario. Sen os de a pé non se fai nada.

A nivel persoal, pensa que, finalmente, haberá un 25 de xullo unitario?

Si, definitivamente, si. Hai que insistir e transmitir, pensar en positivo, en grande, en todos e todas. É moi necesario rachar coa tendencia de facer calar Galiza, por iso temos que demostrar que temos voz. Unha voz plural, de moitas cores, de moitos sectores. Temos que facer partícipe xente que non está directamente vinculada á política. Neste sentido, gustaríame apelar á miña experiencia no proceso escocés, que me demostrou que hai xente do común, que non milita en ningún partido e que non pertence a ningún sindicato nin asociación que entrou con ánimo no debate e que foi quen de entender que era necesario un mundo mellor. O caso escocés ratificoume na idea da unidade de acción. Escocia foi quen de mobilizar a sociedade civil pensando no ben común. Como os galegos e as galegas non imos ser quen? Podemos facelo e podemos ser quen de xestionalo. E máis, nun día tan especial como o Día da Patria, un día que é noso.
 

Comentarios