O municipalismo galego mantense disposto a dar a batalla

Portavoces de Marea Atlántica, Marea de Vigo, Compostela Aberta e Ferrol en Común mantiveron un encontro na cidade departamental para analizar os retos do espazo municipalista na Galiza e reivindicar unha política “coas xentes no centro” e contra a “austeridade”.

mareas municipalistas
photo_camera Imaxe da xuntanza (Cedida)

As principais mareas municipalistas volveron reunirse esta terza feira após o longo ciclo electoral que incluíu dous comicios estatais e un municipal. Foi en Ferrol e coa presenza das ‘catro grandes’: Marea Atlántica, Compostela Aberta, Marea de Vigo e Ferrol en Común. “Os que estamos aquí representamos máis de 50.000 persoas que nos votaron en maio”, lembrou Martiño Noriega, ex alcalde compostelán e portavoz de Compostela Aberta.

Foi unha primeira xuntanza con vocación de continuidade: “Estes encontros de coordinación terán continuidade e iranse ampliando no futuro coa presenza doutras formacións municipalistas”, manifestan as organizacións participantes nun comunicado.

No encontro participaron Jorge Suárez e Xiana Penedo, por Ferrol en Común; María García e Iago Martínez, pola Marea Atlántica; Martiño Noriega e Marta Lois,  por Compostela Aberta; e Rubén Pérez e Oriana Méndez, pola Marea de Vigo.

Sobre a mesa: os retos do espazo municipalista, tendo moi presente as eleccións galegas deste ano; ou como artellar sinerxias e expandir os posicionamentos en torno á “xustiza social, compromiso ambiental...”.

Para Rubén Pérez, un obxectivo fulcral é combater a austeridade: “É fundamental a derrogación de leis como a Lei Montoro, que leva anos oprimindo as administracións locais e impedindo o desenvolvemento de políticas con sostibilidade democrática e social”.

Jorge Suárez reivindicou unha “política de proximidade, que poña as persoas no centro”, e incidiu en que estamos nuns momentos “cruciais” nos que se pode descabalgar a dereita da Xunta.

Comentarios