Monedero apoia o sector crítico de Podemos na Galiza

Desde hoxe até o 14 de decembro, a militancia de Podemos Galicia está chamada a elixir unha nova dirección para os próximos anos.
Juan Carlos Monedero, fundador de Podemos. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera Juan Carlos Monedero, fundador de Podemos. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

Esta quinta feira, 8 de decembro, abren as votacións telemáticas para escoller a nova dirección de Podemos Galiza á que aspiran dous candidatos.

Por unha parte, Borja San Ramón, actual secretario de Organización e aspirante á Alcaldía de Ferrol, a quen o aínda secretario xeral da formación, Antón Gómez-Reino, cedeu o liderado da candidatura Tercer Galicia.  

É, polo tanto, o candidato da liña oficial, que aspira a dar o impulso para que a formación se recompoña nas institucións da Galiza nas próximas municipais. Canda el, a secretaria de Feminismos e coordinación de Política Territorial, Verónica Hermida, e o propio Gómez-Reino en terceiro lugar.

Por outra, Gonzalo Busqué, un militante veterano da esquerda política, aspirante á secretaria xeral de Podemos desde a candidatura alternativa Rexurdir Galicia, que avoga pola renovación da formación morada para "construír unha casa común integradora e amábel".

Con Monedero en Compostela

Busqué ponlle cara e voz ao sector máis crítico de Podemos, que a vindeira cuarta feira, 14 de setembro, coincidindo co feche das votacións que decidirá a nova dirección do partido finalizará a súa campaña das primarias na praza da Quintana, en Compostela, nun acto no que contará co apoio de Juan Carlos Monedero.

O fundador de podemos arroupará o líder de Rexurdir Galicia a partir das 17 horas nun evento no que tamén participará Amelia Vázquez, membro da candidatura que encabeza Busqué.

O acto de presentación de Rexurdir Galicia terá lugar en Vigo esta tarde, ás 18 horas, na sede local da organización. Un paso adiante que en declaración a Nós Diario Gonzalo Busqué xustificou na "desaparición do espazo que representa Podemos do Parlamento da Galiza, resultado da nula política levada a cabo pola anterior dirección con Antón Gómez Reino á cabeza, que nunca quixo asumir a súas responsabilidades políticas".

Cara a cara

Coas votacións en marcha para elixir os novos órganos de dirección de Podemos Galicia, ambas as dúas candidaturas encontraranse este sábado en Compostela para dar a coñecer os seus proxectos.

Comentarios