Os candidatos a coordinador de Podemos Galicia presentan as súas follas de ruta

Borja San Ramón e Gonzalo Busqué, candidatos a coordinador de Podemos Galicia nunhas primarias que se resolverán a mediados de decembro, presentaron os documentos cos que pretenden definir a folla de ruta da formación na Galiza.
Yolanda Díaz e Gómez Reino no Congreso dos Deputados (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Yolanda Díaz e Gómez Reino no Congreso dos Deputados (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

As candidaturas para asumir a coordinación de Podemos Galicia veñen de presentar os documentos políticos cos que pretenden definir o traballo da formación na Galiza nos próximos anos, nunhas primarias que se resolverán a mediados de decembro.

Así, Borja San Ramón, candidato de ‘Tecer Galicia’ e aspirante a suceder no liderado ao actual secretario xeral da formación morada na Galiza e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, aposta polo reforzo organizativo e pola conquista de concelleiras nas próximas eleccións municipais, feito que sitúa como punto de partida para as eleccións xerais. San Ramón é o candidato que conta co apoio de Gómez-Reino.

San Ramón, até de agora adxunto de Antón Gómez-Reino na dirección, considera que a formación está en condicións de ser “a forza tractora” en moitos concellos e traballará para que Podemos Galicia volva obter a representación no Parlamento galego, logo de que quedase fóra a candidatura de Galicia en Común que liderou o propio Gómez-Reino nas eleccións galegas de 2020.

A oposición a esta candidatura, representada por Gonzalo Busqué na listaxe ‘Rexudir Galicia’, denuncia tanto a falta de implantación territorial como a deriva estratéxica que a formación sufriu no pasado, as cales levaron a Podemos Galicia a desaparecer do Parlamento galego.

A candidatura alternativa proponse, polo tanto, “enraizar o partido no territorio, ser capaces de despregar candidaturas autonómicas e municipais que aspiren a gobernar as cidades, pobos e a comunidade galega”.

Referentes estatais fronte a círculos municipais autónomos

As candidaturas que aspiran a coordinar Podemos Galicia nestas primarias difiren nos seus documentos políticos no tratamento que deben recibir os seus círculos.

Borja San Ramón atopa referentes en figuras da política estatal como son a ministra de Dereitos sociais, Ione Belarra, ou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Ao mesmo tempo, defende a concreción dos eixos estratéxicos de Podemos a nivel municipal.

Pola súa parte, Gonzalo Busqué sinala que Podemos Galicia non pode ser controlado nin “estar suxeito a tutelas como se se tratase de entes infantís”, algo que, insisten, sucedeu con anterioridade. Para ‘Rexurdir Galicia’, os círculos municipais deben ser autónomos e autoxestionados.

As candidaturas

Na súa candidatura, San Ramón conta co propio deputado de Galicia en Común Antón Gómez-Reino, xunto con outras caras que estiveron en primeira liña nos últimos anos como Verónica Hermida ou Isabel Faraldo.

Busqué preséntase apoiado por militantes que foron críticos coa anterior dirección, como o círculo de Ames ou a candidata á alcaldía de Vigo, Meli Vázquez.

Comentarios