Borja San Ramón, candidato á secretaría xeral de Podemos Galicia: "Queremos ampliar o número de concellos de esquerdas"

Borja San Ramón é o candidato de Tecer Galicia á secretaría xeral de Podemos Galicia. Militante da formación desde a súa fundación e persoa próxima a Antón Gómez Reino, marca como prioridade “fortalecer a implantación territorial” do partido morado e ampliar a súa presenza nos Gobernos dos concellos galegos.
O ferrolán Borja San Ramón (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ferrolán Borja San Ramón (Foto: Nós Diario).

—Cales son as razóns que o levan a dar este paso adiante e a presentar a súa candidatura á secretaría xeral de Podemos?

Coñezo e quero ben esta organización. Desde o ano 2015 percorrín cada recuncho do noso país para apoiar os nosos candidatos e candidatas, para crear círculos, para animar moita xente a militar en Podemos. A miña é unha candidatura feita desde abaixo e penso que é a máis axeitada para o tempo que vén, un tempo de reactivación e de expansión de Podemos na Galiza.

—Sobre que eixos se formula a proposta do seu equipo e cales son as liñas de actuación que defenden para o próximo período? 

Temos que fortalecer a implantación territorial e arroupar as nosas candidaturas municipais, tecer a nosa organización coas demandas cidadás para enriquecer o programa transformador e fortalecer Podemos como unha forza fundamental para o cambio político na Galiza. Canto maior sexa o peso político de Podemos Galicia, maiores serán as posibilidade de rematar co dominio do Partido Popular e recuperar as institucións do autogoberno galego para a maioría social. Cada día que permanece o Partido Popular na Xunta, é un día perdido para os galegos e galegas.

—Unha das sorpresas deste proceso é a decisión de Antón Gómez Reino de non concorrer á reelección como secretario xeral de Podemos Galicia e de integrarse na súa candidatura, como explica ese paso atrás e que funcións lle ten reservado no seu equipo?

Tone é un gran compañeiro e un activo valiosísimo da nosa candidatura. O seu coñecemento da dinámica lexislativa no Congreso e a súa experiencia internacional serán moi útiles para facilitar as accións institucionais de Podemos Galicia. 

Unha nova xeración vai liderar a dirección política de Podemos Galicia e Gómez Reino entendeu que debía facilitar o relevo. Contamos coa súa xenerosidade e co seu compromiso con Podemos Galicia.

—Teñen por diante dous procesos electorais, un a nivel local e outro no plano estatal. Que retos se marcan no primeiro caso e por que formula de concorrencia optan? 

As eleccións municipais e o activismo político e social no local son un ámbito de traballo que imos priorizar na nova etapa que abrimos en Podemos Galicia. Aspiramos a ser chave para consolidar e ampliar o número de Gobernos municipais da esquerda galega. 

No plano estatal, o obxectivo é facilitar a construción dunha grande alianza da esquerda que permita revalidar o actual Goberno de coalición, derrotar Feixoo e intensificar as políticas de cambio no Estado. Se o logramos, Alfonso Rueda non será presidente da Xunta, Rueda será un pasado sen futuro.

—A posición en relación a Sumar está xerando debate no interior da súa organización, ven algunha alternativa de cara ás eleccións estatais que non sexa concorrer de forma unida co espazo liderado pola ministra Yolanda Díaz? 

Esa é a nosa alternativa. Non hai candidatura mellor que unha con Yolanda Díaz, Ione Belarra e Irene Montero, desde Unidas Podemos e aberta a outras forzas políticas e xente dos movementos da sociedade civil. Necesitamos do esforzo e da xenerosidade de todas. Queremos multiplicar a capacidade de cambio político creando unha fronte ampla con outras forzas das nacións e comunidades do Estado. Estou certo que esta é a mellor fórmula para reforzar a esquerda no próximo Goberno de coalición progresista do Estado.

O programa de San Ramón

Borja San Ramón síntese parte dunha “nova xeración” que “vai liderar a dirección política de Podemos Galicia”. A súa candidatura está conformada por persoas ben recoñecidas como o actual secretario xeral e deputado no Congreso, Antón Gómez Reino; a responsábel de feminismo, Verónica Hermida; ou a activista en prol da sanidade pública, María Luisa Lores. A alternativa programática considera “fundamental crecer e funcionar como unha organización cuxos principios fundamentais son a cooperación e a unidade”. Neste sentido, apostan por unha “cultura política que poida normalizar as diferenzas” e consideran que as“ discrepancias internas acabaron tendo un carácter público prexudicial para o proxecto e reflectiron a incapacidade de consensuar unha posición común respecto ás tensións no espazo de En Marea”.

Comentarios